O sábado e o domingo haberá polbo e churrasco a prezos populares e o luns será o Día do Neno, con descontos nas atraccións
Os festexos contarán tamén cun DJ que actuará antes e despois do resto de artistas e formacións
Este venres comezan as festas de Novo Mesoiro, uns festexos organizados polo Concello da Coruña que contarán con catro xornadas con actividades para todas as idades. O punto de partida será o espectáculo ‘¡Esto es rock!’, dirixido polo xornalista musical Javier Becerra e que conta coa actuación de Carolina Rubirosa.
Trátase dun divertido e emocionante repaso da historia da música rock para toda a familia.
Un concerto didáctico baseado no libro do mesmo nome de Javier Becerra no que non faltará a música de Chuck Berry, AC/DC, The Rolling Stones, Queen e moitas outras bandas que marcaron unha época.
Por outra banda, o público infantil tamén contará nesta Festas de Novo Mesoiro cunha xornada exclusiva para a súa idade. Baixo o nome de Día do Neno, o luns 28 de agosto as atraccións instaladas no parque continuarán abertas e contarán con prezos especiais.
Por outra banda, DJ Javito únese á programación para amenizar e animar os períodos anteriores e posteriores do resto de actuacións que se realizan no parque. Ademais, grazas a un acordo acadado cos postos de restauración, haberá polbo e churrasco a prezo rebaixado para promover a convivencia nestas festas.
Programación
O venres, día 25, está programado a partir das 20.00 horas o espectáculo ‘Esto es Rock’. Ás 22.00 horas terá lugar a actuación da banda coruñesa Doctor Snob. O sábado 26 haberá actuación dentro do programa itinerante para todos os públicos Cascarillarte, a cargo de Máximo Óptimo, a partir das 12.30 horas. A sesión vermú comezará ás 14.00 horas co Dúo Karamba, mentres que ás 22.00 horas haberá actuación da orquestra Triunfo. O domingo 27 a xornada comezará coa actuación, ás 14.00 horas, da banda Virtual Project. Pola tarde haberá unha nova sesión de Cascarillarte, ás 19.30 horas, a cargo de Bandullo Azul, que representará “Fazula” e “O Ladrón de Paraugas”.
A actuación de Café Quijano, todo un referente do pop e do rock en español, será o domingo ás 22.00 horas na explanada do centro cívico. O trío formado por Manuel, Óscar e Raúl repasarán os seus 25 anos de carreira, na que conseguiron grandes fitos como ser o primeiro grupo español nomeado a un Grammy americano, pola canción ‘La Lola’.