Saturday 16 de November de 2024

O Concello colabora coa ACDR Moeche cun convenio de 4.000 euros


A entidade asume os gastos de conservación e limpeza tanto do terreo de xogo como das instalacións, mentres que o Concello achegará materiais e sufragará os consumos de auga e luz.

A alcaldesa de Moeche, Beatriz Bascoy, e o vicepresidente da ACDR Moeche, Alberto Piñón, asinaron hai uns días o convenio que suporá unha achega económica de 4.000 euros para a entidade, como colaboración polas tarefas de mantemento que efectúa ao longo do ano no campo de fútbol municipal de San Xoán. O acordo estipula, como termos principais, que o consistorio facilitará as instalacións para a participación do equipo de fútbol nas competicións oficiais, mentres que a asociación se compromete a levar a cabo os labores de conservación e limpeza necesarios.

Ademais destes compromisos, ambas partes tamén asumen outros relativos a gastos de funcionamento ou publicidade. Así, o Concello ocuparase de subministrar material para o coidado do terreo de xogo -fertilizantes, por exemplo- e correrá cos custes dos consumos de luz e auga das instalacións.

Pola súa banda, a ACDR Moeche responsabilizarase da conservación do campo e da limpeza de todo o recinto, incluída a zona exterior. Tamén deberá inserir os logos oficiais do Concello e do Xeoparque en toda a publicidade e anuncios de participación na liga federada. A comunicación que leve a cabo a asociación relacionada cos aspectos recollidos no convenio ha de facerse en galego.

Os 4.000 euros de axuda transferiranse en dous pagamentos: o 50% xusto trala sinatura do acordo e o 50% restante no momento en que a entidade presente a xustificación dos gastos efectuados, dentro da data límite do 30 de novembro deste ano.

Segundo comentou a rexedora ao remate da firma protocolaria do convenio, a ACDR Moeche “fai un grande traballo promocionando o deporte e tamén mantendo en orde de revista o campo de fútbol. O acordo que subscribimos é beneficioso para ambas partes e asegura unha correcta conservación das instalacións, nas que nestes últimos meses fomos facendo melloras do equipamento e agardamos poder facer máis en breve con axuda doutras Administracións”.