Thursday 21 de November de 2024

O concello organiza unha nova excursión por Huelva, Mérida, Sevilla e Zamora para persoas maiores de 55 anos, xubiladas ou pensionistas


A preinscrición deberá formalizarse entre o 28 e o 29 de agosto.

O Concello volve organizar unha nova excursión co propósito de ofrecer ao colectivo das persoas maiores de 55 anos, xubiladas ou pensionistas que estean empadroadas no termo municipal da Laracha unha alternativa de ocio e cultural para o aproveitamento do seu tempo de lecer, favorecer o envellecemento activo e fomentar as relacións sociais entre os veciños dese grupo de idade. Neste ocasión consistirá nunha viaxe por diferentes localidades de Estremadura, Castela e León, Andalucía, e o Algarve portugués a realizar do 1 ao 9 de outubro.

O percorrido en autobús comezará na Laracha e o primeiro punto de destino será Mérida. Nas seguintes xornadas visitarán Huelva, Moguer, o mosteiro da Rábida, o muelle das tres Carabelas, Sevilla (onde contemplarán o Barrio de Santa Cruz, os Reales Alcázares e a Giralda, entre outros puntos de interese), a localidade amurallada de Niebla, a Sierra de Huelva (incluíndo as Minas de Riotinto e Aracena), Ayamonte (con paso en barco a Vila Real de San Antonio, no Algarve portugués), El Rocío, o centro de interpretación de Doñana, Palos de la Frontera e Zamora.

O prezo por persoa en habitación dobre (hoteis de tres e catro estrelas), réxime de pensión completa (almorzo, comida e cea) e incluíndo todas as visitas guiadas, entradas e seguro de viaxe é de 500 euros. O suplemento para os que escollan habitacións individuais é de 150 euros. O Concello financiará integramente o custe do transporte en autobús.

As persoas que cumpran os requisitos e desexen realizar a excursión deben preinscribirse os días 28 e 29 de agosto (luns e martes da próxima semana) dirixíndose ao departamento de Servizos Sociais, situado no edificio administrativo da Laracha.
O mércores 30 ás 10:00 horas farase un sorteo público no Salón de Plenos para adxudicar as prazas se hai máis de cincuenta preinscritos e, en calquera caso, para outorgar os asentos do autobús a cada participante.