Saturday 16 de November de 2024

Turismo de Galicia promoverá a oferta náutica galega na LV Edición do Salón Náutico de París


O obxectivo é promover internacionalmente o turismo náutico e a actividade das instalacións náutico recreativas galegas, nun certame que reúne anualmente uns 250.000 visitantes de todo o mundo

A oferta náutica da Comunidade galega estará presente na LV edición do Salón Náutico de París, entre os días 4 e 13 de decembro da man de Turismo de Galicia, ao obxecto de promover internacionalmente o turismo náutico e a actividade das instalacións náutico recreativas galegas, nun certame que reúne anualmente uns 250.000 visitantes de todo o mundo.

Este ano, Turismo de Galicia instalará un stand de 48 metros cadrados a través do que difundirá a oferta náutica galega neste certame, que chega á súa LV edición e no que a Xunta de Galicia participa dende hai dezaseis.

O recinto de promoción do turismo náutico galego posibilitará tamén a toma de contacto e as relacións comerciais entre os profesionais galegos e os empresarios do sector que visiten a feira.

Por outra parte, a entidade Portos de Galicia estará representada tamén no stand de Galicia apoiando a promoción e a consolidación da comunidade galega como destino náutico de primeira orde internacional.

Axentes especializados
Ademais do contacto empresarial cos participantes no Salón, Turismo de Galicia e Portos de Galicia desenvolverán unha axenda de reunións, na que se incluirán encontros institucionais e presentacións públicas para difundir o potencial da náutica galega e o das súas instalacións e servizos portuarios.

O Salón Náutico de París contará este ano coa presenza de preto de 8.000 profesionais e máis de 700 expositores que representan a máis de 1.300 marcas.

Segundo datos da presenza de Galicia en anteriores edicións, a gran maioría dos visitantes son afeccionados á náutica que valoran moi positivamente as condicións de navegabilidade da nosa costa, a gastronomía, a paisaxe e a hospitalidade da xente.

O perfil dos visitantes con maior interese pola nosa Comunidade corresponde a persoas de máis de 40 anos procedentes de Bretaña e Normandía e doutros países limítrofes como Bélxica. Así mesmo, Galicia resulta ser un destino atractivo como escala para travesías do Atlántico.