Á venda as últimas entradas para asistir ao concerto do recoñecido artista panameño
O concerto de Rubén Blades & Roberto Delgado Big Band do vindeiro luns, 28 de agosto, pechará as Festas de María Pita no auditorio do parque de Santa Margarida. A cita, que pertence ao ciclo Coruña Sounds, tivo que ser adiada o pasado 20 de xullo como consecuencia de problemas de saúde do artista panameño.
A menos dunha semana da súa celebración, case todas as entradas están vendidas para poder ver a un dos referentes da música latina, que actuará xunto a unha banda composta por 20 músicos. As escasas entradas que aínda están á venda están dispoñibles en Ataquilla e no despacho de billetes da praza de Ourense.
O panameño conta cunha carreira sobresaínte de máis de cincuenta anos, nos que colleitou numerosos éxitos e recoñecementos. É considerado un dos máis grandes artistas latinos do século XX e conta entre os seus recoñecementos con 10 premios Grammy e outros 13 premios Grammy Latinos.
O ciclo de concertos Coruña Sounds, que acolleu as actuacións de Scorpions, Marea e ZAZ cun grande éxito de asistencia, é unha iniciativa do Goberno de Inés Rey co obxectivo de dinamizar a actividade cultural nos peiraos da cidade e continuar coa súa apertura á cidadanía.