Ángeles Vázquez sinala, na clausura da Semana Gandeira de Mazaricos, que na Xunta “estamos abertos a escoitalos e a tomar nota das súas achegas, para traballar conxuntamente e incorporalas ás políticas públicas a prol do lácteo”
A conselleira do Medio Rural, Ángeles Vázquez, instou os representantes dos gandeiros a que “fagan propostas construtivas para procurar solucións aos problemas do sector” e engadiu que na Xunta “estamos abertos a escoitalos e a tomar nota das súas achegas, para traballar conxuntamente e incorporalas ás políticas públicas a prol do lácteo”.
Así, a conselleira destacou que o Plan Estratéxico de Fortalecemento do Sector Lácteo —que impulsa o seu departamento— pretende converterse nun foro de participación e consenso, para buscar entre todo o sector solucións á problemática dos baixos prezos do leite e, nun prazo máis amplo, sentar as bases dunha estratexia de futuro.
Ángeles Vázquez fixo estas reflexións na clausura da 9ª edición da Semana Gandeira de Mazaricos, na que indicou, ademais, que malia as dificultades do sector tamén se están a rexistrar novas positivas. Así, citou o pagamento, completado hai uns días, dos 69,7 millóns de euros correspondentes ao anticipo das axudas da PAC. Tamén o inicio do pago dos 20 millóns de euros achegados polo Goberno central, así como da axuda comunitaria doutros 25,5 millóns de euros que se empezarán a pagar o 1 de decembro. Todas estas medidas, remarcou, buscan dotar ao sector dunha inxección de liquidez.
Contactos co sector
Neste foro a conselleira lembrou os diferentes contactos mantidos nestes días co sector e coa propia ministra de Agricultura, Alimentación e Medio Ambiente, á que lle pediu “contundencia” no seguimento do Acordo lácteo xa que, engadiu, “aínda que se están a producir resultados, avanza máis lentamente do que desexaríamos”. Neste senso, matizou que producir leite en Galicia custa moito menos que noutras zonas de España (en Andalucía, por exemplo) e, por iso, insistiu en que, para valorar a rendibilidade das granxas, cómpre ter en conta non só o prezo, senón tamén e sobre todo os custes de produción.
Sobre os encontros co sector, Ángeles Vázquez cualificou como “moi positiva para ambas partes” a xuntanza mantida o pasado xoves coa Plataforma pola Defensa do Sector Lácteo e avanzou que vai seguir mantendo reunións cos demais axentes da cadea de valor do leite, caso da industria e a distribución.