Thursday 21 de November de 2024

A alcaldesa e o novo delegado do Goberno en Galicia abordan temas de interese para a cidade na súa primeira xuntanza institucional


A alcaldesa de Santiago, Goretti Sanmartín, acompañada de varios membros de Goberno municipal, mantivo esta mañá un encontro co novo delegado do Goberno en Galicia, Pedro Blanco Lobeiras, no marco da súa primeira visita institucional ao Pazo de Raxoi. Na reunión abordaron unha serie de temas de interese para a cidade
como as achegas económicas para a construción da estación depuradora de augas residuais da Silvouta e para o Consorcio de Santiago ou a cesión da parcela do colexio Peleteiro ao Concello.

A alcaldesa de Santiago, Goretti Sanmartín, mantivo esta mañá unha reunión co novo delegado do Goberno en Galicia, Pedro Blanco Lobeiras, na que tamén participaron as concelleiras Míriam Louzao, María Rozas e o concelleiro Xesús Domínguez. O delegado do Goberno asinou a continuación no Libro de Honra do Concello en presenza dos representantes dos voceiros dos grupos municipais cos que tamén mantivo un encontro informal.

Na posterior rolda de prensa conxunta, a alcaldesa, Goretti Sanmartín destacou a “cordialidade e boa vontade de colaboración con toda unha serie de cuestións e demandas” abordadas durante o encontro e solicitou ao delegado do Goberno de forma pública “que se comprometa con Santiago para trasladalas aos ministerios correspondentes” para así “convertilas nunha realidade”.

Durante a reunión, os representantes do executivo municipal puxeron sobre a mesa “unha revisión da achega económica do Estado ao convenio da estación depuradora de augas residuais (EDAR) da Silvouta”, tendo en conta o incremento do prezo de execución no novo prego de licitación aprobado no consello de administración de Acuaes. Goretti Sanmartín recordou que esta obra que agora está agora en fase de adxudicación, “comenzaría a principios do ano 2024” e “ten previsto rematar en abril de 2026”, polo que considera que por parte do Estado debería haber un “seguimento moi estricto para que se cumpran eses prazos e se poidan xustificar en tempo os fondos europeos”.

A alcaldesa tamén trasladou ao delegado do Goberno durante o encontro a posibilidade de cesión ao Concello de Santiago da parcela do antigo colexio Peleteiro, na actualidade propiedade da SAREB, co fin de “poder construír vivendas de protección, ademais de facer un centro de día, un centro sociocultural e unha gran praza pública” e así “desbloquear” este asunto.

Outra das demandas foi a dun “incremento económico do executivo estatal para o Consorcio Cidade de Santiago de Compostela”, que “viu como nos últimos anos se diminuía a cantidade de recursos públicos recibidos” tanto do Goberno central como da Xunta de Galicia, pasando dunha achega do Estado de 7,4 millóns no 2011 aos 4,7 millóns de euros no 2023. A alcaldesa recordou que o Consorcio é unha ferramenta fundamental para “recuperar poboación na cidade histórica e para mellorar a calidade de vida de veciñanza” a través das políticas de rehabilitación, accesibilidade así como o insonorización da vivenda·. “Entendemos que o momento de que as distintas administracións se comprometan coa cidade de Santiago e incrementen a súa achega económica”, engadiu.

Durante o encontro tamén se abordaron outros asuntos de relevancia para a cidade como a creación dun Xulgado de Violencia de Xénero propio ou a creación da estación de mercadorías da Sionlla, unha “infraestrutura necesaria para o transporte ferroviario desde os polígonos industriais de Santiago de Compostela e o novo Polo Biotecnolóxico”. Ambas as dúas demandas foron respaldadas pola Corporación municipal no seu conxunto.

Outra das solicitudes estivo centrada no proxecto do novo aparcadoiro da Estación Intermodal “que podería aloxar unhas 900 prazas e tería un total de 21.000 metros cadrados”, co fin que se realice “da maneira máis estética e coa mellor integración paisaxística posible, dado que hai que realizalo en superficie”, así como o cambio de denominación a “Daniel Castelao” da mesma estación.

O executivo municipal tamén lle trasladou a Blanco Lobeiras a “reivindicación histórica” do Concello de Santiago” para a realización das obras de humanización da rotonda de Conxo; así como o remate das obras do Orbital “que na actualidade están avanzadas nun 83 %” e a inclusión das alegacións presentadas polo Concello e as asociacións no proxecto do Orbitaliño “para que afecte o menos posible ao territorio”.

Pola súa banda, o delegado do Goberno en Galicia salientou que a reunión serviu para poñer “en valor o diálogo e a colaboración entre as administracións” para convertir a Santiago “nunha cidade do século XXI, unha cidade moderna, atractiva e capaz de afrontar os retos inmediatos”. Blanco Lobeiras recordou que o Goberno de España “ten mobilizados nos últimos anos un total máis de 200 millóns de euros en proxectos para a capital galega” dos que se fixo un repaso durante o encontro.

O delegado do Goberno en Galicia tamén anunciou que, baixo a presidencia española da Unión Europea, Santiago acollerá dous importantes encontros o vindeiro mes de setembro que “van contruibuír a situar á cidade no mapa mundial”. Así, os días 15 e 16 de setembro, Compostela será o escenario das reunións do Consello do ECOFIN e un segundo cumio que terá lugar o 21 e 22 de setembro reunirá os ministros de Traballo de todos os Estados Membros. “Santiago será o epicentros das políticas económicas e de emprego nos próximos meses”, engadiu.