O programa de cultura en familia “Miúdo verán” despídese este xoves cunha sesión nocturna de cine ao aire libre. Proxectarase a última entrega estreada, ata o momento, da saga de animación máis exitosa do cinema español.
Así, a partir das 22 horas, na pista polideportiva de Casadelos poderase desfrutar de “Tadeo Jones 3, La tabla esmeralda”. Un filme de acción, dirixido por Enrique Gato, que chegaba aos cines o pasado verán e no que o arqueólogo máis aventureiro volve ser protagonista dos enredos máis disparatados. Desta volta,
esnaquiza un sarcófago e desata unha maldición que pon en perigo a vida dos seus amigos, e emprenderá unha viaxe por medio mundo procurando poñer fin a esa maldición.
O filme, con guión de Manuel Burque e Josep Gatell, garante diversión para o público infantil, e ademais resulta ben entretido para os adultos acompañantes.
Esta terceira aventura, que chega a Neda grazas á colaboración de Gadis e da Deputación da Coruña, recupera o espírito lúdico dos comezos, ensinando, de forma natural, toda unha serie de valores positivos aos máis pequenos e pequenas da casa.
A proxección de Tadeo Jones 3 pon o broche de ouro ao programa de lecer municipal que, ao longo do mes de agosto, trouxo un verán máis á vila espectáculos de música e de ilusionismo, pensado para desfrutar en familia.