Friday 22 de November de 2024

Ortigueira despide agosto co ‘Baile dous Xardíns’, unha noite de baile e convivencia ao aire libre


• Os Xardíns de Julio Dávila acollen a celebración este sábado a partir das 22:30 horas

• Raquel Capote e José Antonio Quesada amenizarán a velada

Ortigueira despedirá o mes de agosto este sábado co ‘Baile dous xardíns’, unha noite de baile e convivencia veciñal ao aire libre. Os Xardíns de Julio Dávila acollerán o 26 de agosto a partir das 22:30 unha festa coa que o Concello busca congregar aos veciños e veciñas da localidade para xerar un ambiente de confraternización e goce.

O acto será gratuíto e estará aberto a todos os públicos. E aínda que non se estableceu un código de vestimenta, si é recomendable acudir con certa formalidade, xa que se busca homoxeneizar imaxe da celebración.

Para amenizar a velada, Son ao Son e José Antonio Quesada poñerán a banda sonora. Abrirá a noite o cantautor cubano, ‘herdeiro’ de históricos como Silvio Rodríguez ou Pablo Milanés. Tras a súa actuación, será a quenda de Son ao Son, unha formación musical liderada pola voz de Raquel Capote. O grupo parte das raíces da música cubana, co son como principal variante, para desenvolver diferentes estilos.

Deste xeito, o goberno local anima a todos os habitantes de Ortigueira a acudir a unha noite con ritmos bailables e outros que inciden na música como feito cultural. Unha noite na que se xerará un clima máxico dentro dunha festividade que se busca consolidar no calendario para despedir da mellor maneira posible ao mes do verán por excelencia.