Friday 22 de November de 2024

Abegondo abre o prazo de inscrición para nas actividades deportivas da tempada 23-24


• As renovacións de praza serán automáticas, mentres que as novas altas débense tramitar no Rexistro Municipal ou a sede electrónica

O Concello de Abegondo abriu esta mañá o prazo de inscrición para as Actividades Deportivas da tempada 2023-2024. Durante o próximo mes, ata o 21 de setembro, será o momento no que se poidan inscribir aos nenos e nenas nas diferentes modalidades ofertadas.

Deste xeito, non será válido tramitar o alta dun mozo a través de monitores ou adestradores. Precisamente as altas e as baixas son as únicas xestións que se deben executar, pois a renovacións de praza nas actividades xa desenvoltas o pasado curso son automáticas. Así, para formalizar unha baixa ou unha alta nova débese comunicar polo Rexistro Municipal ou a sede electrónica.
O pago poderá ser por curso completo ou mensual (obrigatoria domiciliación). Ademais, as familias numerosas terán un desconto do 15%, o mesmo que as persoas con discapacidades acreditadas iguais ou superiores ao 33%.

O programa de actividades deportivas municipais engloba disciplinas como fútbol, ximnasia rítmica, patinaxe, taekwondo, ballet, street dance, sevillanas ou hípica. Ademais, ofrécense actividades extraescolares ao mediodía. Así mesmo, inclúese dentro do programa a oferta ofrecida e xestionada directamente por clubs como o feminino do Xuventude Crendes, o Club Ciclista Gacela, o Deportivo da Coruña ou o Club BM Abegondo-San Tirso Balonmán.

Máis aló dos nenos

Doutra banda, mantense a posibilidade de matricularse no ximnasio municipal a partir dos 13 anos durante todo o ano por 15 euros ao mes, con bonos descontos familiares. Así mesmo, a oferta para adultos inclúe crossfit a partir do mes setembro, micro adestramento en grupos reducidos, adestramento fitness total (ata outubro) e actividades fitness como Pilates, Ximnasia Saúde, Hit-Core, Ioga, Aeróbic Zoa ou Kick-boxing (desde setembro).

O boxeo, o ciclo indoor ou o fútbol sénior son outras das modalidades ofertadas, do mesmo xeito que as actividades por parroquias, con presenza en Figueroa (Ioga), Mabegondo, Limiñón e Sarandós (Ximnasia de mantemento ou Pilates).

A oferta complétase cun amplo programa de actividades físico-recreativas como as diferentes actividades propostas pola Escola Municipal de Baile e Danza, a Escola Municipal de Hípica para adultos, as actividades no medio natural ou o Programa Adestra Saúde.

Para unha información máis detallada, os interesados poden contactar co Concello (981 647 909) ou nos diferentes puntos de atención deportiva: Servizo de Deportes (655 998 023, de 8:30 a 14:30 horas), Pavillón (630 404 667), Ximnasio-Piscina (659 65 59 89) e Adestra Saúde (620 39 21 10).