Friday 22 de November de 2024

Case 85.000 alumnos participarán nas iniciativas en prol da innovación e da educación en valores postas en marcha pola Xunta de Galicia ao abeiro do Plan Proxecta


A Consellería de Cultura e Educación acaba de publicar a resolución definitiva desta iniciativa, que este curso implicará a 3.906 docentes de 417 centros no desenvolvemento de 843 proxectos diferentes

Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria acaba de publicar a resolución definitiva do Plan Proxecta, unha iniciativa na que participarán este curso preto de 85.000 alumnas e alumnos de 417 centros de ensino. Nesta cuarta edición do plan implicaranse un total de 3.906 docentes, co apoio dos que se desenvolverán un total de 843 proxectos diferentes no marco do Proxecta, que funciona como un plan de fomento da innovación educativa que aglutina os diferentes programas interdisciplinarios postos en marcha polos diferentes departamentos da Xunta de Galicia co obxectivo esencial de promover dinámicas metodolóxicas innovadoras nas aulas que desenvolvan a educación en valores e as competencias básicas.

Colaboración coas consellerías
O Plan Proxecta crea un marco xeral de cooperación grazas ao esforzo doutras consellerías, integrando nun mesmo espazo de referencia as iniciativas dos diferentes departamentos da Xunta de Galicia para o fomento da innovación educativa, establecendo ademais uns criterios metodolóxicos e organizativos comúns para a creación de proxectos de innovación que desenvolvan competencias clave e educación en valores. Trátase de propiciar dinámicas que favorezan a innovación nos propios centros a través de 40 programas externos que aglutinan a maioría de entidades do Goberno galego e unha entidade do Goberno do Estado, con programas dirixidos ao ámbito educativo que buscan levar á motivación e ao traballo activo e cooperativo do alumnado e do profesorado implicado nos proxectos. Os diferentes programas poden consultarse no espazo do Plan Proxecta no portal educativo, http://www.edu.xunta.es/portal/planproxecta .

Este curso 2015-16 incorporáronse 10 novos programas: “DAFIS”, desenvolvido pola Secretaría Xeral para o Deporte, “Aprende programando”, da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia, os dous programas da Presidencia da Xunta de Galicia; “Protexe os animais” e “Naturézate”, da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas; “Cociñando con saúde”, Xermoliño” e “Xermolón”, da Consellería de Sanidade; “Fitofaladoiro”, “Proxecto didáctico Antonio Fraguas” desenvolvido pola Secretaría Xeral de Política Lingüística, “Mirando polo Camiño” desenvolvido pola Dirección Xeral do Patrimonio Cultural, “Ti es creador” da Axencia Galega das Industrias Culturais, os 4 desenvolvidos pola Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria; e “Mobilidade sostible e segura”, da Dirección Xeral de Tráfico do Ministerio de Interior.

Recoñecemento dos mellores proxectos
A calidade dos traballos elaborados ao abeiro do Plan Proxecta recoñécese a través de distintos premios de innovación educativa recoñecidos dentro do marco de cada programa, como pode ser o caso de MeteoEscolas, Recíclate con Sogama, Consumópolis, Clases sen fume e Nós tamén creamos!. A estes engadiranse Aliméntate ben, Galicóns-net e Proxecto didáctico Antonio Fraguas nesta nova convocatoria.

Tanto o Plan Proxecta coma estes premios buscan a mellora nas dinámicas educativas nos centros co fin de favorecer un avance na modernización dos procesos educativos a través de metodoloxías innovadoras no plano tecnolóxico e participativas na construción do proceso educativo. A difusión destas boas prácticas realízase, entre outras vías, a través dun apartado específico na Revista Eduga: http://www.edu.xunta.es/eduga/revista/Plan%20Proxecta .