O Concello, en colaboración coa asociación veciñal Uxío Carré, preparou unha ampla programación durante a xornada, con música, diversión para os máis pequenos e a tradicional degustación de fresas
As Festas nos Barrios continúan este martes en Eirís coa tradicional Festa da Fresa, que contará cunha ampla programación desde as 11.30 horas. O Concello da Coruña, en colaboración coa asociación veciñal Uxío Carré, organiza esta celebración, que forma parte do programa das Festas de María Pita.
A xornada contará con actividades para todos os públicos, baile e música tradicional e verbena, ademais da tradicional degustación de fresas. Pola mañá, ás 11.30 horas haberá inchables para o público infantil no parque de Eirís. Ás 11.30 horas actuará o grupo de música tradicional Gaiteiriños, tamén no parque. Ás 12.30 hora será a festa da escuma e ás 13.00 horas comezará a sesión vermú, a cargo de Aixa Romay. Para pechar a programación matutina haberá un paseo guiado pola eco-horta municipal de Eirís baixo o título ‘Leira das freces’.
Pola tarde, ás 16.30 horas, volverá a haber inchables. Ás 17.00 horas actuará o grupo de baile tradicional de Donaire, na cúpula de Eirís, onde se desenvolverán a maioría de actos da tarde. Ás 18.00 horas, dentro do programa Cascarillarte, actuará Lore Lavand para o público infantil.
Ás 18.30 horas está prevista a apertura da exposición das fresas, mentres que ás 19.00 hora será a degustación de fresas. Ao mesmo tempo, no parque, haberá un concurso de toques de balón de fútbol. Ás 19.30 horas está prevista outra sesión de Cascarillarte, nesta ocasión de A Vela Circo.
A festa en Eirís pecharase a partir das 20.30 horas coa actuación da Trova Coruñesa. Ás 21.30 horas será a quenda de Culimaia e haberá verbena a partir das 23.00 horas a cargo da Orquestra New York.
O Goberno de Inés Rey continúa apostando polas festas nos barrios, que impulsou e recuperou durante os últimos anos, dándolles unha maior entidade e cabida dentro da programación das Festas de María Pita. “Estas celebracións teñen un grande arraigo entre os veciños e veciñas e é a nosa obriga coidalas e darlles valor”, sinala Gonzalo Castro, concelleiro da área de Fomento e Promoción da Cidade.