· A proposta aprobouse hoxe nun pleno extraordinario, cos votos a favor do PSOE e en contra de PP e BNG.
· Ao mesmo tempo, aprobáronse as subvencións nominativas ás asociacións de festas.
O Concello de Camariñas celebrou hoxe, luns 21 de agosto, un pleno extraordinario no que se aprobou, cos votos a favor do PSOE e en contra de PP e BNG, un Plan de Subvencións que nace co obxectivo de mellorar a execución das diferentes liñas de axudas municipais a entidades.
Maior información sobre as subvencións e máis eficacia ao cubrir as necesidades das entidades son as metas principais que persegue este plan, que pretende subvencionar materias no eido da acción social (emerxencias sociais), cultural (premios do Entroido, os premios do concurso de Noveis Deseñadores da Mostra do Encaixe, axudas ás asociacións de festas e culturais…) e deportivo (asociacionismo deportivo, clubes…)
Ao mesmo tempo, no pleno aprobáronse, cos votos a favor do PSOE e a abstención do PP e do BNG, as subvencións nominativas ás asociacións de festas para o ano 2023, que van dirixidas a: Asociación cívica, cultural, deportiva e recreativa ‘Virxe do Carme’ de Camariñas; Asociación de Festas de San Pedro da Ponte do Porto, Asociación Cultural Espíritu Santo de Camelle, Asociación Cultural San Xurxo de Buría, Asociación Cultural Os Bartolos de Arou, Asociación de Veciños Casoliño e Asociación Cultural Reghos dos Cuiros.
Ademais, na sesión plenaria tamén se trataron os seguintes asuntos: expediente de modificación orzamentaria 14/2023, aprobado cos votos a favor do PSOE e a abstención de PP e BNG; REC 8/2023, aprobado cos votos a favor do PSOE e a abstención do PP e BNG; expediente 15/2023 mediante suplemento de crédito, aprobado cos votos a favor do PSOE e a abstención de PP e BNG.