Saturday 16 de November de 2024

A Feira Rural de San Sadurniño volverá premiar os mellores lotes de froita da comarca


Os tres mellores lotes sortearanse entre o público antes da clausura da feira

A AGFA do Eume organiza degustacións e dúas visitas guiadas pola horta de conservación Carlos Fornos

A Asociación Casa do Mel tamén ofrecerá percorridos polo colmear didáctico, ademais de información e consellos para o coidado das abellas

A Feira Rural de San Sadurniño deste sábado 26 de agosto reedita o seu exitoso concurso de froita para premiar os mellores lotes de castes do país colleitadas nas comarcas do Eume, Ferrolterra, Ortegal e Betanzos. O certame ten como obxectivo continuar promocionando a recuperación das variedades autóctonas, ademais de difundir o seu potencial para a venda en fresco ou como produtos elaborados. Por este motivo, xunto co concurso-exposición, dentro da feira tamén están previstas degustacións e dúas visitas guiadas á horta de conservación Carlos Fornos con obradoiros de poda de verán e técnicas de enxertado.

As inscricións no certame da froita haberá que facelas o propio día da feira e os tres primeiros premios decidiranse mediante unha táboa de valoración das características de sabor e morfolóxicas de cada lote concursante.

Cada persoa poderá presentar cantos lotes de froita queira sempre que cada un deles sexa da mesma variedade e teña un peso mínimo de 2 quilos, aínda que o xurado pode admitir cantidades inferiores se a súa rareza ou o tamaño das pezas o xustifican. Os lotes deberán proceder de hortas tradicionais das comarcas de Ferrol, o Eume, o Ortegal ou Betanzos, vir presentados en cestos (non se admiten caixas con denominacións comerciais) e as bases establecen que por cada unidade familiar só se poderá percibir un premio.

A Comisión de Inscrición estará formada por dúas persoas expertas da AGFA do Eume, mentres que ao xurado se sumará tamén unha persoa en representación do Concello. Para facer as valoracións contarán cunha táboa de puntuación que, entre outros factores, valorará se se trata de variedades antigas ou en perigo de extinción, o seu tamaño, se a pel presenta ou non defectos, a cor, o grao de maduración, o sabor, a textura da carne, etc.

As bases completas poden consultarse nesta ligazón. O documento tamén reflicte os horarios do concurso. As inscricións cómpre facelas na carpa principal de 10:30 a 11:30h e, inmediatamente despois de pechar o tempo para anotarse, o xurado iniciará a valoración de cada lote. A comunicación do fallo e a entrega dos premios faranse sobre as 13:30h. Se houbese algunha reclamación, a entrega posporase media hora.

As persoas participantes levarán como agasallo un pé dunha froiteira do país e os tres primeiros premios recibirán cadanseu bono de 100 euros para gastar nun establecemento do Concello. Os cestos premiados quedarán na feira e sortearanse entre o público ás 19:45h.

Visitas guiadas á horta de froiteiras e ao colmear
O concurso da froita autóctona non é a única actividade relacionada coa difusión do noso patrimonio vexetal. A AGFA do Eume programou dúas visitas guiadas á horta de froiteiras Carlos Fornos, unha ás 11:30h que leva asociado un obradoiro de técnicas de enxertado e outra ás 17:30h na que tamén se tratarán as podas de verán.

Ademais, a entidade tamén ofrecerá degustacións gratuitas de froita do país entre as 12:00 e as 14:00h e de 17:00 a 19:00h.

Os percorridos pola horta de conservación complementaranse con dúas visitas ao colmear didáctico da Cortiña -ás 12:30 e ás 18:30h- ofrecidas pola Asociación Casa do Mel. O colectivo apícola -con quen o Concello ten subscrito un convenio- tamén acudirá á feira cunha mostra de meles, pole, xelea e outros produtos. Ademais ofrecerá consellos e solventará dúbidas de profesionais e persoas afeccionadas, como por exemplo as relacionadas cos coidados dos apiarios ou cos métodos de contención dos ataques da avespa asiática, especialmente activa nesta época do ano.