Clubes denuncian a falta de mantemento das instalacións, a falta de seguridade para deportistas e a nula planificación de horarios
Seguen pendentes subvencións de anos anteriores
Rexistrou unha pregunta para a Comisión Informativa do próximo martes. Desde marzo non houbo actividade municipal ordinaria.
O grupo municipal do BNG denuncia e esixirá, na Comisión Informativa do próximo martes, a fin do trato indigno que reciben clubes deportivos de Culleredo despois de varias xuntanzas con distintas directivas na que se describiu a atención que veñen recibindo durante longo tempo e que lles supón graves dificultades para manter a súa actividade con normalidade.
As xuntanzas producíronse despois de que A. D. Culleredo e a S. D. Fontemaior fixesen pública a súa renuncia a participar no torneo de fútbol municipal, a través dun comunicado en redes sociais que correu como a pólvora entre a veciñanza, no que denunciaban a falta de implicación e comunicación por parte do goberno municipal e a falta de mantemento nas instalacións que chegaron a poñer en perigo a seguridade de deportistas.
Os concelleiros do BNG puideron comprobar coa directiva da A. D Culleredo a falta de limpeza das instalacións, así como varias eivas no acondicionamento que poden poñer en perigo a integridade de participantes nas actividades deportivas,. Nas xuntanzas tamén se sinalou a falta de organización e planificación de horarios de uso así como a carencia de instalación e tamén a ausencia de convocatorias de subvencións, o que vai en perxuizo dos clubes e familias. Todas estas cuestións chegaron taén ao BNG desde varios clubes doutras disciplinas como o balonman ou a natación ou o atletismo, no que parece ser unha situación xeralizada de falta de atención crónica por parte do goberno municipal para o noso deporte.
Como agravante, no xantar de fin de tempada, algúns clubes puideron gozar de espazos e materiais que outros clubes non puideron ter, sen coñecer os criterios e supoñendo un agravio comparativo. Algúns clubes levan tempo tratando de falar co goberno municipal sobre toda esta situación e polo de agora non recibiron máis que o silencio como resposta.
Sen actividade ordinaria municipal desde marzo
A corporación leva sen actividade ordinaria desde o mes de marzo. O BNG ten moitas iniciativas preparadas para botar a andar o inicio do curso político e do mandato municipal, cuestións todas elas que afectan a situacións do día a día da vida da veciñanza. Queremos que se empece a traballar canto antes.