— Nos últimos 15 anos, 2008-2022, logrouse reducir en case un 100% a vertedura directa de refugallos, ata representar apenas un 0,3% do total procesado na planta
— A empresa pública seguirá apostando pola eficiencia a través da innovación e da dixitalización, da descarbonización dos seus procesos e da economía circular
Os datos relativos ao ano 2022 da planta de Sogama en Cerceda confirman as melloras acadadas nos últimos anos no relativo ao tratamento e á xestión dos residuos domésticos procedentes de máis do 94% dos concellos de Galicia.
Grazas ás melloras realizadas para acadar unha xestión cada vez máis eficiente das instalacións así como á maior concienciación cidadá con relación á produción de lixo doméstico, logrouse reducir nos últimos 15 anos de forma notable a vertedura directa de refugallos, é dicir, o seu depósito sen tratamento previo.
En concreto, se en 2008 un total de 438.379 toneladas de residuos acabaron no vertedoiro de Areosa, esta cantidade reduciuse o ano pasado a tan só 2.016 toneladas, un 99,54% menos. Esta evolución tamén se reflicte no peso que ten a vertedura directa sobre o total de refugallos procesados en Sogama, de xeito que se hai 15 anos representaba un 49,2%, en 2022 tan só supuxo o 0,3%.
Así mesmo, cómpre indicar que co plan estratéxico da empresa para o período 2024-2030 se busca incrementar, aínda máis, a súa eficiencia, apostando pola innovación e a dixitalización, primando igualmente a descarbonización dos seus procesos e contribuíndo en maior medida á reciclaxe dos residuos de cara ao cumprimento dos obxectivos europeos fixados para os próximos anos neste eido.
Isto derivará nun profundo cambio na súa concepción, xa que de ser unha empresa de xestión e tratamento de residuos pasará a ser unha empresa xeradora de recursos, poñendo en valor os residuos a través da súa compostaxe, reciclaxe e recuperación enerxética —no caso da fracción non reciclable— e sen perder de vista a importancia crucial que ten tamén a colaboración cidadá, polo que Sogama seguirá apostando polas campañas de formación, concienciación e sensibilización.
Ademais, a empresa pública tamén quere contribuír a unha maior profesionalización do seu equipo humano, ao desenvolvemento do talento e a un maior contacto coa sociedade e cos distintos sectores implicados na súa actividade.
Será unha etapa na que Sogama aspira tamén a servir de motor económico para Galicia e a achegar todo o seu traballo e esforzo para o desenvolvemento dunha verdadeira economía circular na que os residuos poidan ter unha segunda vida grazas á súa reintrodución no ciclo produtivo.