Mangüi, que pecha mañá as ‘Noites de María Pita’ Artistas como Antón Reixa, Uxía, Bieito Romero e Josito Pereiro participarán na actuación, que comezará este domingo 20, ás 22.00 horas, na praza de María Pita
O concerto ‘Mangüi sempre en nós’ será aberto á cidadanía, con acceso de balde ata completarse a capacidade prevista
O ciclo de concertos das ‘Noites de María Pita’, incluído na programación das Festas de María Pita 2023, chega este domingo á súa fin cun concerto moi especial en lembranza de ‘Mangüi’, baixista dos Diplomáticos de Monte Alto que faleceu de maneira repentina o pasado mes de xaneiro, aos 50 anos de idade.
Desta forma, o Goberno de Inés Rey busca render tributo a unha figura artística inolvidable e asociada á historia recente da cidade. Manuel Martín ‘Mangüi’, veciño do barrio da Agra do Orzán, formou parte da xeración musical coa que emerxeu o movemento bravú, xa a comezos da década dos 90. Neste contexto, ‘Mangüi’ é recoñecido por integrar Os Diplomáticos e tamén a Banda Xangai, entre outras.
Este domingo, ás 22.00 horas e coa praza de María Pita como escenario, recoñecidas agrupacións e artistas, como os propios Diplomáticos e Mercedes Peón, Antón Reixa, Bieito Romero (Luar na Lubre), Josito Pereiro (Radio Océano), Uxía e Paco Lodeiro, protagonizarán o concerto ‘Mangüi sempre en nós’, que, baixo un formato de homenaxe e celebración, recuperará o legado musical do artista coruñés sobre as táboas.
A actuación, como xa foi habitual durante toda a programación de concertos das ‘Noites de María Pita’, será aberta á cidadanía con asistencia de balde, ata completar a capacidade prevista na praza de María Pita.