Do 18 ao 21 de agosto, A Pobra do Caramiñal ten cita cun dos seus grandes festexos do verán: o Carme dos Pincheiros.
A chuvia impediu que saísen os xigantes e cabezudos polas rúas da vila e que se desenvolvesen as actuacións musicais previstas, pero non pasou por auga a ledicia.
Xa a última hora da tarde, o salón de plenos da casa consistorial foi escenario do pregón ao que asistiron membros da corporación municipal, representantes da comisión de festas e veciñanza, para, unha vez finalizado o acto, proceder coa sinatura no libro de honra do Concello.
O alcalde, José Carlos Vidal, expresou o seu agradecemento á comisión de festas por sacar adiante toda a programación e polas intensas xornadas de traballo que lles esperan para que a sociedade poida desfrutar das actividades. Fixo tamén fincapé na tradición desta celebración e no seu interese dende o punto de vista histórico, social, cultural e turístico para xa lle dar paso aos pregoeiros, Esther Calviño Sanlés e Iván Tubío Sanlés, a quen aproveitou para felicitar publicamente por acadar dúas bolsas das que outorga a Fundación La Caixa a un cento dos mellores expedientes universitarios do territorio estatal para brindárlle-la oportunidade de amplia-la súa formación no estranxeiro. Deste xeito, quíxose enxalza-la excelencia académica e que a mocidade se sinta representada, pois son unha parte fundamental desta festividade.
Iván, quen cursa o máster de investigación de economía política en Oxford, e Esther, que fai o propio no de bioloxía química na Universidade de Xenebra, puxeron en valor a educación pública, sinónimo de calidade, pois estudaron no IES da Pobra, “que non só nos formou academicamente, senón que, como a moitas outras persoas, nos axudou a explorar distintas inquietudes culturais, artísticas e deportivas. Isto pode parecer insignificante, pero o rol dos profesores é fundamental cando te queres encamiñar a unha carreira, oficio ou profesión da que careces de referentes e mesmo descoñeces por completo.” Durante a súa intervención quixeron tamén enxalza-lo dinamismo cultural e o tecido asociativo pobrense, que tivo un impacto na traxectoria vital de ámbolos dous ao xurdir a súa amizade unha década atrás nas táboas do teatro cine Elma. E, por último, reivindicaron a importancia da investigación: “nesta vila temos a fortuna de contar con pobrenses cunha excelente traxectoria investigadora e científica en diferentes eidos.”
Pola súa parte, a comisión – representada por Jean Vaiarello, presidente, e Jesús Maneiro, vicepresidente- trasladou o seu agradecemento a toda a cidadanía e empresas pola súa implicación, así como á Administración local polo seu apoio económico e loxístico.
Con anterioridade, nesa mesma tarde efectuouse a imposición de escapularios aos novos confrades na igrexa de Santa María a Antiga do Caramiñal e tivo lugar a misa solemne por tódolos compañeiros falecidos.
As propostas que integran o cartel deste ano continuarán nos vindeiros días con desfiles dos xigantes e cabezudos, numerosas sesións musicais, os San Juerguines, os actos relixiosos, ocio para as crianzas e o broche de ouro coa gran queima de fogos artificiais e co combate naval.