Friday 22 de November de 2024

A Coruña acolle esta fin de semana o I Gran Premio Internacional de Pelota e o Trofeo Teresa Herrera de Traiñeiras


Algúns dos mellores xogadores de pelota do mundo competirán desde hoxe e ata o domingo no frontón da Torre

Os mellores equipos galegos competirán sábado e domingo na enseada do Orzán, dentro da Liga Galega de Traiñeiras

A Coruña acolle esta fin de semana unha dobre cita deportiva de máximo nivel. Por unha banda, celebrarase no frontón da cidade deportiva Arsenio Iglesias o I Gran Premio Internacional de Pelota Cidade da Coruña. Por outra, disputarase unha nova edición do Trofeo Teresa Herrera de Traiñeiras, que forma parte da Liga Galega de Traiñeiras. O concelleiro de Deportes, Manuel Vázquez, foi o encargado de presentar ambas competicións e sinalou: “A nosa alcaldesa Inés Rey continúa reafirmando a súa aposta polo deporte de alto nivel, xa que no que vai de verán a cidade acolleu numerosas competicións nacionais e internacionais”.

O I Gran Premio Internacional de Pelota Cidade da Coruña está impulsado polo Concello daCoruña e busca “afianzar este deporte na cidade a través dunha competición con vocaciónanual e de gran relevancia mundial”, sinalou. A Coruña acollerá aos mellores xogadores do mundo de pelota, como Emiliano Skufca, actual campión mundial.

A competición comeza hoxe co I Torneo de Clubs de Pelota Torre de Hércules, na modalidade de paleta de coiro. A partir das 19.00 horas enfrontarasen Herriaren Llodio Araba contra Club de Pelota La Coruña e Irtxan Loiu Bizkaia contra Club Vigués de Pelota. Mañá disputaranse os partidos correspondentes ao Gran Premio. A partir das 10.00 horas, na modalidade de paleta de coiro, xogarán Aitor Estéfano e Javier Insausti contra Lucas Hourcurigarai e Xabier Ibarlucea; e a Daniel Berrogui e Álvaro Medina contra Agustí Brugués e Gonzalo Pérez Galvete. A partir das 12.30 horas disputarase a modalidade de pala corta, que enfrontará a Justin Dardenne e Ion Olazabal contra Jagoba Madariaga e Sylvain Brefel; e a Miki Laskoiti e Emiliano Skufca contra Rubén Ayarra e Imanol Ibáñez.

Xa o domingo disputaranse as finais e finais de consolación a partir das 10.00 horas. Todos os partidos serán retransmitidos a través da seguinte ligazón.

Teresa Herrera de Traiñeiras

Por outra banda, esta fin de semana volve un dos clásicos das Festas de María Pita. Este sábado e domingo celebrarase a edición número 37 do Trofeo Teresa Herrera de Traiñeiras.
Os mellores equipos de Galicia estarán esta fin de semana na cidade para competir na enseada do Orzán. Participarán o sábado 25 traiñeiras e o domingo, nas finais, 15.

O sábado, a competición comezará ás 17.30 horas coa clasificación feminina. A primeiraquenda da masculina está prevista para as 18.30 horas. Por outra banda, o domingo disputaranse as finais a partir das 11.30 horas, cando está previsto o inicio da última rolda feminina. A final masculina, en dúas quendas, comezará ás 12.00 horas.
Trátase do VII Trofeo Teresa Herrera e IV Bandeira Absoluta feminina e da XXXVII Trofeo Teresa Herrera e XV Bandeira Absoluta masculina. A competición forma parte da Liga Galega de Traiñeiras e celébrase na cidade desde o ano 1986. “A Coruña ten unha ampla tradición en traiñeiras, un deporte que sempre deixa imaxes espectaculares e que reúne cada ano a miles de persoas no noso paseo marítimo”, sinalou Manuel Vázquez.