Incluirá unha degustación de empanadas das distintas panaderías que participan ou colaboran este ano coa Festa do Pan
O Concello volve apostar no marco da programación especial con motivo da Festa do Pan de Neda pola “Ruta dos muíños do Belelle”, un percorrido a carón do curso fluvial ata chegar á impresionante Fervenza para coñecer un pouco máis dos enxeños hidráulicos que están na orixe da tradición panadeira da vila. Terá lugar o sábado 2 de setembro, a partir das 10.00 horas, e o prazo de inscrición abrirase o mércores da próxima semana.
O percorrido, con saída da Igrexa de Santa María, permitirá ás persoas participantes descubrir construcións vencelladas historicamente á elaboración do produto estrela da gastronomía nedense, o pan. Calcúlase que ao longo do itinerario que se cubrirá chegou a haber ata 40 instalacións entre muíños, fábricas e ferrerías.
Desta volta, a iniciativa incluirá parada para recuperar folgos no Bar da Pista, no Roxal, onde se poderán degustar de balde as empanadas servidas por todas e cada unha das panaderías que este ano participan na Festa do Pan (La Nueva, Panificadora Germán, Santa Rita, La Gallega, Modesto Hermida e Paca Castro Romero) e tamén das que colaboran (J. Castro Hermanos e Viuda de A. Romero).
Apuntan dende o Concello que a dificultade da ruta, que contará con prazas limitadas, é baixa. Polo tanto, o itinerario, que xunta interese ambiental e etnográfico, é apto para persoas de calquera idade, sempre e cando estean afeitas a camiñar.
O Concello abre o 23 de agosto o prazo para anotarse na “Ruta dos muíños” ata cubrir prazas. A actividade é, como sempre, totalmente de balde. Haberá que chamar ao teléfono 981 39 02 33, entre as 10 e as 13 horas.