A formación nacionalista mantén a continuidade deste acto que se organiza desde 1994
O venres 18 de agosto, ás 20:30, o BNG de Oleiros organiza novamente o seu acto de conmemoración do Día da Galiza Mártir. Este acto ten lugar arredor do 17 de agosto todos os anos desde 1994 (coa única excepción de 2020, debido á pandemia), co obxectivo de lembrar a memoria das persoas represaliadas pola ditadura no noso concello.
Este ano o acto volve celebrarse en Nós, que foi un dos puntos destacados da represión fascista en Oleiros, e nel intervirán Iria Taibo, membro da asemblea local de Oleiros, e Avia Veira, Deputada Provincial da formación nacionalista.
O BNG de Oleiros quere contribuír a manter a memoria de todo o que significou a represión política e do ideario nacionalista a través da lembranza das persoas que a sufriron.