Responsables políticos e técnicos realizaron un percorrido polos ríos Anllóns, Bardoso e Grande para ver en que situación se atopan
Tan pronto como foi activada, por parte de Augas de Galicia, a prealerta por escaseza de auga no río Anllóns, responsables técnicos e políticos do Concello de Carballo celebraron unha xuntanza na que se acordou establecer unha serie de restricións que afectan aos servizos públicos, e que son as seguintes:
• Eliminar os baldeos agás por causa xustificada
• Pechar todas as fontes ornamentais
• Intentar reducir ao máximo os consumos municipais
• Implantar un plan de regas das zonas verdes que reduce as frecuencias ao má-ximo en función das necesidades de cada xardín
O goberno municipal está en comunicación permanente coa empresa concesionaria do servizo de xestión integral do ciclo da auga para coñecer a situación en cada momento, da que se informa puntualmente a Augas de Galicia, por se fose preciso aplicar as medidas previstas no Plan Municipal de Emerxencias contra a Seca. Hoxe, acompañados pola enxeñeira municipal Lorena Castrillón e polo xefe de servizo e director de operacións de Gestagua en Carballo, Benigno López, o alcalde e o concelleiro de Obras realizaron un percorrido polas canles dos ríos Anllóns, Bardoso e Grande para ver en que situación se atopan.
O Anllóns é o que leva menos auga. Por iso, o municipio de Carballo xa se abastece na súa maior parte da captación do Bardoso. A existencia dunha dobre captación é a garantía da prestación do servizo á cidadanía. Ademais, dentro do Proxecto Anllóns-Bardoso, no que se investiron máis de catro millóns de euros, instaláronse dúas estacións de aforo de caudal augas arriba das dúas captacións existentes, o que permite saber canta auga levan o Anllóns e Bardoso e canta se pode captar de cada un deles en cada momento. “A dobre captación favorece ao río Anllóns e tamén aos concellos situados augas abaixo”, indicou o alcalde, Evencio Ferrero.
A raíz da visita de hoxe acordouse solicitar a colaboración veciñal para que realice un consumo responsable de auga, con medidas como evitar encher as piscinas, baldear ou lavar os coches. Nos vindeiros días trasladarase á poboación unha serie de medidas e consellos básicos a través dunha campaña de comunicación.
Evencio Ferrero aludiu tamén ás dificultades que poidan atravesar as traídas privadas, como ten ocorrido nos últimos anos, e nese sentido, o Servizo Municipal de Protección Civil encargarase, como é habitual, de encher os depósitos veciñais sempre que sexa preciso.