A recreación, enmarcada nas festas patronais de Laxe, está declarada de Interese Turístico de Galicia e reuniu a centos de persoas no peirao.
Durante a misa na honra á Virxe do Carme, o tenor Andrés Meléndrez e o pianista Rupert Twine interpretaron a ‘Salve Mariñeira’ en memoria de todos os náufragos.
Laxe celebrou hoxe a 61ª edición do Simulacro do Naufraxio, un evento único na Costa da Morte que logrou reunir a centos de persoas no peirao da vila. A recreación está declarada de Interese Turístico de Galicia.
A xornada arrincou ás 11:00 horas cun pasarrúas a cargo da Banda de Música de Cee e o Grupo de Gaitas Maruxía.
Unha hora máis tarde, tivo lugar a tradicional misa solemne na honra á Virxe do Carme na igrexa parroquial de Santa María da Atalaia. Durante a mesma, o tenor Andrés Meléndrez e o pianista Rupert Twine interpretaron a ‘Salve Mariñeira’ en homenaxe a todos os mariñeiros falecidos no mar.
Ao remate da misa celebrouse a procesión da Virxe por terra acompañada pola Banda de Música de Cee. Deseguido, desenvolveuse a Danza de Arcos na zona portuaria co grupo de gaitas Maruxía.
A representación do Naufraxio no peirao realizouse arredor das 13:00 horas e, posteriormente, levouse a cabo a procesión marítima con traca de bombas. Finalmente, a Virxe do Carme regresou á igrexa parroquial portada polos mariñeiros descalzos que participaron na simulación, coa que se pon fin ás festas patronais de Laxe.
Desde o goberno local móstranse “moi contentos pola gran acollida non só das festas, senón do propio Naufraxio, xa que é un sinal da nosa identidade e a xente segue sendo partícipe da mesma ano tras ano e coa mesma devoción e entrega”.