Saturday 16 de November de 2024

O Concello de Lousame paga aos seus provedores nunha media de 32 días


A alcaldesa lembra que esta situación se debe á ausencia da secretaria e que no primeiro trimestre os abonos facíanse a 26 días

Unha media de 32 días. Ese é o prazo no que o Concello de Lousame executa os pagos aos seus provedores. Así se desprende da dación de conta do Pago Medio a Provedores do primeiro, segundo e terceiro trimestre de 2015, que se realizou durante o Pleno extraordinario celebrado onte xoves.

Se no primeiro trimestre se pagaba nunha media de 26,33 días, esta cifra aumentou ata os 39,86 días no segundo. Xa no terceiro trimestre deste ano baixou novamente ata os 32,51 días. Segundo indicou a alcaldesa de Lousame, Teresa Villaverde, esta variación débese “á ausencia da secretaria”, o que ralentizou todos os trámites administrativos. “Estivemos ata agosto sen ninguén”, matizou a rexedora.

Na orde do día tamén se contemplaba a aprobación dunha modificación e dun recoñecemento extraxudicial de crédito de 2.215,71 euros para aboar unha serie de facturas correspondentes a pequenos arranxos e gastos. O punto aprobouse cos votos a favor do PP, en contra do PSOE e a abstención do BNG. O concelleiro do Partido da Terra de Lousame, Xoán Evans, non votou xa que, pese a estar presente na sala, decidiu non incorporarse ao pleno ata o debate das mocións.

Teresa Villaverde tamén levou ao pleno por vía de urxencia outro recoñecemento extraxudicial de crédito por 13.342,40 euros para a afrontar gastos extraordinarios da Mancomunidade Serra do Barbanza. A rexedora lembrou que Lousame é “dos concellos da bisbarra que estamos máis ao día” cos seus abonos ao ente supramunicipal. O punto saíu adiante cos votos a favor do PP e as abstencións de PSOE, BNG e Partido da Terra de Lousame.

Mocións

A primeira moción foi presentada polo grupo municipal do PP con motivo do Día Internacional para a Eliminación da Violencia de Xénero. Todos os grupos da Corporación votaron a favor, a excepción de Terra de Lousame, que anunciou o seu voto en contra de todas as mocións presentadas hoxe e o xustificou en que non se incluíron as mocións do seu partido no pleno.

A mesma situación se repetiu coa moción presentada polo PP de apoio ás reclamacións de pagamento das pensións dos mariñeiros galegos embarcados na frota noruega, representados pola asociación Long Hope. A través desta iniciativa, que apoiaron os grupos do PSOE e BNG tras eliminarse a exposición de motivos, solicitouse á Xunta que “colabore co colectivo social Long Hope na demanda impulsada contra o Estado noruegués para reclamar o recoñecemento do dereito a percibir as súas pensións de xubilación ou que se lle devolvan os impostos recadados”.

Ademais, solicitouse ao Estado español que “presente unha demanda interestatal contra Noruega diante do Tribunal Europeo de Dereitos Humanos por incumprimento do Convenio Europeo de Dereitos Humanos ao vulnerar a prohibición de discriminación por nacionalidade en materia de seguridade social ao esixir a residencia aos nosos traballadores do mar emigrantes embarcados nos seus buques”. Ao rematar a sesión, un representante da asociación Long Hope pediu a palabra para agradecer o apoio dos distintos grupos da corporación municipal e lamentar que Terras de Lousame fora o único partido que votara en contra desta petición.

O executivo do PP tamén presentou outra moción para a promoción da competitividade e viabilidade da flota galega de cerco. Neste punto, votaron en contra Terra de Lousame e PSOE, mentas que o BNG apoiou esta moción ao quitárselle o argumentario.

Moción retirada polo PSOE e asumida polo PP

A orde do día tamén contemplaba unha moción do PSOE para conseguir unha regulación fiscal e revisión da lexislación de espectáculos e das licenzas de actividades correspondentes. Neste caso, o voceiro socialista, Julio Paradela, propuxo retirar a moción, xa que consideraba que “agora está fóra de sitio”. A alcaldesa lle respostou que “todavía está en vigor, xa que aínda está sen cambiar a lexislación ao respecto”. Ante a negativa de Paradela a defender a moción, o grupo popular a asumiu como propia e a aprobou cos votos a favor de PP e BNG, e cos votos en contra de PSOE e Partido da Terra.