Friday 22 de November de 2024

O Concello oferta máis de 400 prazas en clubs de lectura nas Bibliotecas Municipais


Actualmente dispón dun total de 27 clubs de lectura, algúns xerais e outros específicos en función do tema, lingua ou idade así como en modalidade virtual

O Concello da Coruña, a través do servizo de Bibliotecas Municipais, pon a disposición do público un total de 427 prazas nos diferentes clubs de lectura que terán lugar entre os meses de outubro a maio. A iniciativa busca a dinamización da Bibliotecas Municipais como espazos de socialización así como o fomento da lectura en todos os grupos de idade. Os clubs de lectura son grupos de persoas que se reúnen periodicamente para debater sobre un libro proporcionado gratuitamente desde as bibliotecas municipais baixo o servizo de préstamo.

As persoas interesadas en participar na actividade poderán inscribirse a partir das 10.00 horas do 4 de setembro e ata o 24 do mesmo mes. Farase de xeito preferentemente en liña a través da páxina web http://www.coruna.es/bibliotecas/gl/actividades/clubs-de-lectura, mais tamén de forma presencial ou telefónica nas bibliotecas. As prazas asígnanse por rigorosa orde de inscrición e todos os grupos disporán dunha listaxe de agarda que se moverá no caso de producirse vacantes.

Na actualidade hai 27 grupos de lectura dispoñibles entre os que se atopan algúns máis xerais, onde as lecturas responden todo tipo de xéneros, estilos ou épocas, clubs de lectura temáticos ou por lingua. Os máis pequenos e pequenas tamén teñen a posibilidade de achegarse á lectura cos clubs infantís e xuvenís recibindo propostas adaptadas á súa idade e intereses.

Nas Bibliotecas Municipais da Coruña tamén hai espazo para o mundo dixital, con clubs de lectura virtuais nos que o debate se dá en rede a través dun blog, sen ter en conta horarios e datas; e tamén para a saúde mental cos clubs de lectura fácil, dirixidos a persoas vulnerables co obxectivo de fomentar a súa participación activa na sociedade.