Friday 22 de November de 2024

Preto de medio milleiro de persoas participarán este sábado na “IV Carreira nocturna Cidade de Narón”


Un total de 474 persoas participarán este sábado, día 19, na cuarta edición da Carreira nocturna Cidade de Narón organizada polo Concello e o club Pasa ou Entorna. Dos inscritos nesta convocatoria, 324 persoas correrán na carreira xeral; 73 na categoría de gazapos (nados no 2016 a 2019); 30 na de coelliños (2014 a 2015); 35 na de coellos (2011 a 2013) e os 12 restantes na de lebres (2008 a 2010).
A saída e a meta do evento fixáronse na Praza de Galicia, sendo a primeira carreira, a partir das 20.00 horas, a dos menores, con percorridos de entre 100 e 1.200 metros en función da categoría. Ao rematar sairán os corredores e as corredoras da xeral, dende as 21.30 horas, nas categorías senior, veterano A, veterano B e veterano C, cun percorrido de 7.000 metros por diferentes rúas da zona urbana da cidade.
Ao paso dos corredores, nas diferentes caetgorías, haberá restricións ao tráfico rodado, dende as 20.00 horas, nas rúas 25 de Xullo, Murillo, Pintor Máximo Ramos, San Andrés, Souto Vizoso e Velázquez. Así mesmo, na carreira sénior tamén se cortarán antes do inicio tramos das rúas polas que discurrirá a carreira: 10 de Marzo, Souto Vizoso, estrada de Castrela, Concepción Arenal, estrada da Gándara, avenida Cataluña, Lleida, Camiño da Praia, Clara Campoamor, Irmáns Pita, estrada do Pavillón, Maruja Mallo, Camiño Muíño do Vento, Camiño do Vilar, avenida Miguel de Cervantes, Camiño do Pino, rúa San Andrés e 25 de Xullo.
O corredor e corredora que percorran en menor tempo o tramo da subida de “A Picotiña” -un tramo especial e cronometrado que estará sinalizado pola organización e dunha lonxitude de 450 metros aproximadamente-, e que queden ademais clasificados nos 30 primeiros postos do seu sexo na clasificación xeral deste evento levarán como premio un xamón. Concederase tamén un premio especial, “La Bodeguilla”, ao club máis numeroso na categoría absoluta, que consistirá nun cheque de 200 euros a canxear no citado establecemento hostaleiro da cidade, por unha comida ou cea.