Saturday 16 de November de 2024

O Concello de Frades pon en valor a área recreativa do Muíño de Céltigos


Arranxa a ponte de madeira sobre o río Maruzo, coloca un novo acceso á área recreativa e instala mobiliario urbano

O Concello de Frades vén de rematar as obras de posta en valor da área recreativa do Muíño de Céltigos, emprazada na beira do río Maruzo e dentro da Rede Natura 2000. Unhas melloras que comezaron coa instalación dun parque biosaudable para a terceira idade e a plantación de medio cento de árbores de distintas especies de ribeira na zona, e que se culminaron este verán co arranxo da ponte de madeira sobre o río Maruzo, a mellora do acceso principal á área recreativa e a instalación de mobiliario urbano na mesma.

O concelleiro de Parques, Xardíns e Áreas Recreativas, Manuel Ferreiro, sinala que “se trata de pequenas actuacións que acometemos con recursos propios e coa colaboración do Obradoiro de Emprego Ordes-Frades-Mesía para mellorar esta fermosa área e poñela a disposición dos veciños e das persoas que nos visiten durante este verán”. A actuación principal centrouse na ponte de madeira que dá acceso ao Muíño de Céltigos, “instalación que tamén foi restaurada recentemente e que conta con todas as súas pezas orixinais, permitindo na época de choiva que se poña a funcionar”, apunta Ferreiro Marzoa.

Este muíño está emprazado nunha marabillosa carballeira que segue a contorna do río Maruzo, onde o Concello de Frades vén de instalar novos bancos e mesas para que as persoas que visiten o lugar poidan descansar e desfrutar da natureza. De feito, antes do verán o Concello de Frades investiu case 13.000 euros dunha axuda da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, para a plantación de medio cento de carballos, abeleiras, cerqueiros, castiñeiros, freixos, faias, noceiras, sobreiras, aciñeiras e bidueiros na zona, así como a colocación dun panel informativo sobre a Rede Natura 2000.