Saturday 16 de November de 2024

A Reserva de Biosfera promoverá mazá ecolóxica para comedores escolares nun terreo recuperado a través do Banco de Terras


• O presidente formalizou o acordo co propietario e o produtor de Vos Biosbardos

A Reserva de Biosfera Mariñas Coruñesas impulsará a produción de mazá ecolóxica para os comedores escolares nun terreo recuperado a través do Banco de Terras de Galicia. O presidente da entidade, José Antonio Santiso, formalizou hoxe o acordo co propietario do terreo, Antonio Castro, e o produtor de Vos Biosbardos, Miguel Roig, para levar a cabo a iniciativa.

Nun primeiro termo, o acordo supón destinar á produción ecolóxica de Vos Biosbardos, produtora de Cambre, dita parcela, cunha superficie de 4 hectáreas e situada na contorna do río Barcés. Realízase mediante dun contrato de arrendamento a través do Banco de Terras de Galicia.

E en segundo termo, unha parte do devandito terreo permitirá á Reserva de Biosfera a produción de mazá ecolóxica con destino ao seu proxecto de Ecocomedores. Esta iniciativa persegue a introdución de menús escolares saudables con produto local de tempada.
Esta iniciativa enmárcase dentro do proxecto de cooperación Leader “Viño e froita”, liderado polo GDR

Condado Paradanta. O seu espírito é contribuír a avanzar no reto de lograr o 25% de superficie agraria ecolóxica para o 2030.

O presidente da Reserva, José Antonio Santiso, incidiu na importancia deste acordo “para poder sanear esta superficie, de alto valor medio ambiental debido ás súas condicións e tamén á súa localización, preto das marxes do Barcés, e hoxe damos un paso adiante moi importante para non só acondicionar o terreo, tamén para poñer en marcha as nosas prácticas, respectuosas, de proximidade e por e para a nosa xente”.