Friday 22 de November de 2024

San Sadurniño, un “oasis” para as camper


A área de servizos para autocaravanas construída hai dous anos confírmase como lugar de parada de referencia entre Narón e Ortigueira

O Concello mellorará e ampliará o espazo dentro das actuacións financiadas polos Convenios da Transición Xusta

A área de servizos para autocaravanas de San Sadurniño está resultando ser todo un éxito. Desde que entrou en funcionamento hai dous anos, o espazo situado na Cortiña incrementou considerablemente o número de furgonetas e autocaravanas que paran alí para baleirar e repoñer augas e, en moitos casos, para facer noite antes de proseguir viaxe. Así o testemuña o formulario de rexistro habilitado polo Concello mediante un código QR, onde se pode deixar constancia da estadía e suxerir melloras. As cerca dun cento de anotacións recollidas en liña reflicten un alto grao de satisfacción co servizo, que neste mes de agosto multiplica o número de usuarias e usuarios. Onte á tardiña eran sete os vehículos estacionados con visitantes procedentes de Málaga, Italia e Alemaña.

O grupo malagueño, composto por 10 persoas repartidas en tres autocaravanas, explicaba que apostaran por achegarse a Galicia “escapando da calor” e tamén para coñecer as provincias de Lugo e A Coruña. Chegaron o domingo a Santiago en avión -onde tiñan reservados os tres vehículos- e despois de visitar o casco histórico compostelán e a catedral emprenderon camiño á zona costeira de Lugo.

Nun percorrido “á aventura” e sen un traxecto predefinido achegáronse á praia das Catedrais, baixaron a Mondoñedo, logo viñeron ata Pantín e Valdoviño e, finalmente, pararon en San Sadurniño para facer noite. Gracias á información dispoñible nos códigos QR, hoxe decidiron desfacer parte do andado para coñeceren Santo André de Teixido e os cantís de Herbeira, dous dos puntos máis destacados do Xeoparque de Cabo Ortegal.

Atoparon a área de servizos para autocaravanas da Cortiña nunha das páxinas especializadas para amantes do campismo e do turismo en furgoneta, un xeito de viaxar que viviu a súa particular eclosión durante a pandemia e que, segundo comentan, “nos permite andar máis ao noso aire”, ademais de ofrecer a posibilidade “de descubrir sitios novos fóra dos circuitos turísticos máis habituais e masificados”.

No tótem de códigos QR situado xusto no centro do punto de servizo de baleirado e carga de auga deixaron constancia do seu paso por San Sadurniño, describindo a zona da Cortiña como “un auténtico oasis”. Tamén deixaron suxestións, como por exemplo a de que se instale un colector para o vidro, que a área conte con algún punto para a carga de electricidade ou que se instalen aseos. “A área de servizos para autocaravanas concibiuse como un punto de baleirado e recarga de auga, con posibilidade de pernoctar ou facer pequenas paradas. Non está pensada como un cámping, nin é a súa finalidade”, puntualiza o concelleiro responsable de Turismo, Manolo Varela.

As peticións de mellora do grupo malagueño que estivo onte en San Sadurniño, “que faremos na medida do posible sen desvirtuar a función actual da área”, engádense ás rexistradas anteriormente por outras usuarias e usuarios, entre elas a de que se definan as prazas de estacionamento ou a de que se acondicione o campo para poder ser utilizado en días de chuvia.

Xunto con estas achegas tamén hai valoracións, todas positivas, entre as que destacan a boa situación da área, a súa limpeza, a proximidade de servizos -bares, restaurantes, farmacia, tendas, panadaría…- e a tranquilidade do lugar. “A área foi todo un acerto. Vemos que se usa durante todo o ano e agora no verán, moitísimo máis. No que levamos de agosto houbo algún día en que se xuntaron máis dunha ducia de autocaravanas procedentes de Suíza, Alemaña, Bélxica, Francia, Italia… e sobre todo do resto do Estado”.

Malia que o Concello “non ten intención” de converter a área nun cámping, si está proxectado facela máis funcional e con maior capacidade, dentro do proxecto financiado polos Convenios da Transición Xusta co que se vai mellorar o equipamento de toda a Cortiña e do paseo fluvial. O investimento total ascenderá a 493.000 euros. Unha parte desta cantidade destinarase á construción dun aparcamento contiguo de algo máis de 1.000 m² e 10 prazas de capacidade, dúas delas de tamaño dobre.

Esta nova superficie -próxima aos 1.400 metros- tamén contará cunha zona de tránsito e manobra perfectamente acondicionada, cun punto para a limpeza e mantemento básico de bicicletas e cunha marxe arborada e con bancos. O espazo “camper” formará parte dunha actuación moito máis ambiciosa que prevé, entre outras novidades, unha caseta de apiterapia, equipamento para a conservación das froitas da horta “Carlos Fornos”, a renovación dos sendeiros ou a instalación dunha rede de iluminación pública en todo o paseo alimentada con paneis solares fotovoltaicos.