Saturday 16 de November de 2024

O Bacharelato STEMBach de excelencia en ciencias e tecnoloxía chegará a arredor de 750 alumnos de toda Galicia o vindeiro curso


— Súmanse os institutos IES As Mariñas (Betanzos) e Primeiro de Marzo (Baiona), así como os colexios CPR Miraflores (Ourense), Lar (Mos) e Montecastelo (Vigo)

— A iniciativa, enmarcada na Estratexia Educación Dixital 2030, busca desenvolver competencias STEM e fomentar vocacións científico-tecnolóxicas

— Este programa educativo contempla a realización dun proxecto de investigación codirixido por un docente universitario que inclúe a defensa pública, unha materia extracurricular semanal e actividades complementarias de formación

O Bacharelato de excelencia en Ciencias e Tecnoloxía, STEMBach, chegará o vindeiro curso a aproximadamente 750 alumnos, tal e como se deprende da resolución publicada pola Xunta cos centros que se incorporan e continúan o vindeiro curso 2023-24 neste programa.

Tal e como se pode consultar no Portal Educativo, son cinco os centros que se suman ao proxecto, en concreto os institutos IES As Mariñas (Betanzos) e Primeiro de Marzo (Baiona), así como os colexios plurilingües CPR Miraflores (Ourense), Lar (Mos) e Montecastelo (Vigo). A Xunta de Galicia implantou esta iniciativa por primeira vez no curso 2018/19 como experiencia piloto e foise consolidando ata chegar ás cifras actuais, con case medio cento de centros participantes.
A iniciativa enmárcase na Estratexia Educación Dixital, Edudixital 2030 e busca o desenvolvemento de competencias STEM a través de contidos curriculares asociados ao pensamento computacional e ás tecnoloxías inmersivas (como a realidade virtual e aumentada e a intelixencia artificial). Ademais, quere fomentar a vocación do alumnado cara á investigación científica e tecnolóxica, afondando no traballo das competencias matemática e en ciencia, tecnoloxía e enxeñaría mediante os elementos e os procedementos da investigación e do método científico, dun xeito rigoroso, ordenado e crítico.

Facilita tamén a adquisición de competencias transversais como a creatividade, o sentido da iniciativa e o emprendemento, a resolución de problemas, o traballo en equipo, o pensamento crítico e a cidadanía global; así como a mellora das destrezas comunicativas e expresivas, con énfase na comunicación e divulgación científica, nas competencias dixitais e na incorporación da intelixencia artificial.

Proxecto de investigación
Este programa educativo ten unha duración de dous cursos académicos e pode incorporarse a el o alumnado de calquera das modalidade de Bacharelato. Os participantes desenvolverán un proxecto de investigación, no segundo curso desta etapa, relacionado con calquera ámbito de coñecemento das materias cursadas na etapa, que estará codirixido por un docente pertencente a un departamento universitario ou entidade de investigación de Galicia e do que o alumno realizará unha defensa do traballo en sesión pública.

Así mesmo, estes estudantes cursarán unha materia extracurricular de afondamento relacionada co ámbito STEM (ciencias, tecnoloxía, enxeñaría e matemáticas), en 1º e 2º de Bacharelato, cunha carga lectiva semanal de dúas ou tres horas fóra do horario ordinario do alumnado.

Xunto a investigadores recoñecidos
A maiores, este alumnado realizará actividades complementarias de formación, organizadas polo centro en colaboración con universidades, entidades ou organismos investigadores, ou persoas investigadoras de recoñecida competencia, como conferencias, obradoiros ou proxectos.

Ao remate dos dous anos do proxecto, e logo da avaliación positiva tanto da extracurricular como da defensa do proxecto de investigación, os alumnos recibirán unha credencial da dirección do centro de que realizou os estudos correspondentes a este programa, que tamén se fará constar no seu historial académico.