As asistentes ao curso de asesoramento, formación e apoio a mulleres potencialmente emprendedoras, concluíron onte as súas clases, demandando outro curso de continuidade no que poder ampliar os seus coñecementos. Algo do que tomou boa nota a concelleira de Educación e Servizos Sociais, Susana García, que lles fixo entrega dos seus diplomas acreditativos, xunto con Fernando Suárez, presidente do Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia (CPEIG). Na posta en marcha e desenvolvemento desta actividade formativa, que se engloba no marco da Rede de Emprendemento en Igualdade, tamén participou o Concello de Ordes a través da súa Oficina de Emprego. O dito curso contou con todas as prazas cubertas, participando mulleres de distintas nacionalidades. Susana García felicitou a todas as asistentes e tivo palabras de recoñecemento polo esforzo realizado “na asimilación e aprendizaxe de coñecementos informáticos que hoxe en día son útiles para calquera traballo”.