• A iniciativa engloba varias actividades que levan a cabo nos centros de Ortigueira de todas as idades co obxectivo de “achegar a lectura a todos os recunchos”.
• A biblioteca xa gañou doce premios María Moliner, o primeiro en 2008.
A Biblioteca Municipal do Concello de Ortigueira volveu a ser recoñecida polo Ministerio de Cultura e Deporte. A entidade ortigueiresa ha recibido o seu duodécimo premio María Moliner de Animación á Lectura. Na edición do concurso deste 2023, o proxecto da Biblioteca Municipal galardoado foi ´Biblioteca rural: tecendo redes e facendo camiños´.
O proxecto desenvolvido engloba diferentes actividades, como contacontos ou talleres, que levan a cabo nos centros de Ortigueira, xa sexa en escolas infantís, centros de maiores ou na asociación de discapacitados de Ortegal.
O obxectivo desta proposta é, segundo explican desde o servizo municipal, “facer camiños levando a biblioteca ao último recuncho do municipio”. Ademais, aínda que non sexa unha función propiamente ‘bibliotecaria’, este proxecto tamén axuda á cidadanía para superar as barreiras de comunicación coas administracións.
Esta última función, clave nunha contorna rural e envellecida, cristalízase por exemplo, á hora de pedir citas previas ou a obtención de borradores. “Trátase de tecer redes poñendo gran parte dos nosos esforzos en buscar nexos de unión con entidades, asociacións, colectivos… e así conseguir a máxima cooperación cidadá”, apuntan os responsables.
Coa obtención deste premio, a Biblioteca Municipal de Ortigueira recibirá 2.722,22 euros que investirán na adquisición de novos libros.
A biblioteca de Ortigueira leva sendo nomeada desde 2007 polas súas diferentes actividades. Ano tras ano, estes premios organizados polo Ministerio de Cultura e Deporte, seleccionan 370 plans de animación á lectura por parte das bibliotecas públicas de municipios con menos de 50.000 habitantes. Xa son doce os galardóns que recibiu a biblioteca municipal, resultando en 2007 e 2009 finalistas.
Un ano máis, con este recoñecemento a Biblioteca Municipal de Ortigueira continúa promovendo espazos e hábitos de coñecemento a través da lectura, tanto a nenos como a adultos. “Todo para que non falte lectura en ningún recuncho”, engaden desde o servizo de biblioteca, ao que o Concello de Ortigueira quere dar o seu máis sincero parabén polo proxecto desenvolto un ano máis e a súa traxectoria ao longo dos últimos anos para fomentar a literatura no municipio.