A obra de ilusionismo forma parte do programa infantil “Miúdo Verán”
O campo dos Subarreiros, en pleno centro urbano de Neda, acolle este xoves a terceira entrega do programa cultural e de lecer, dirixido ao público infantil, “Miúdo verán”. Desta volta, trátase dun espectáculo de ilusionismo, protagonizado polo mago Martín Camiña.
O recoñecido ilusionista –galardoado, entre outros co Premio Nacional de Maxia de Donostia ou co Premio da Asociación Portuguesa de Ilusionismo- chegará a Neda, a partir das 20 horas, coa obra “Ilusións sen azucre industrial”.
Esta proposta, co dirixida polo propio Camiña e máis pola maga Fani, que tamén colabora no guión, defínese como como unha “obra máxica”, un show de “ilusionismo sen edulcorar, humor e participación da concorrencia”.
“Miúdo verán”, artellado polo departamento de Cultura, incluíndo propostas variadas en distintos puntos de Neda para os máis cativos da casa, conta co patrocinio do programa “Cultura no Camiño” da Consellería de Cultura, e completarase a vindeira semana cunha oferta de cine ao aire libre.