Saturday 16 de November de 2024

O Concello de Ribeira recibe aos nenos saharauis do programa Vacacións en Paz


Vacacións en Paz é un programa de acollemento temporal en familias promovido e xestionado por Solidariedade Galega co Pobo Saharauí en coordinación coas autoridades da RASD República árabe saharaui democrática.

Hoxe o alcalde de Ribeira, Luís Pérez, e a concelleira de Educación, Formación, Igualdade, Diversidade e Atención ás Parroquias Cruz Rivadulla recibiron no salón de plenos do Concello aos nenos saharauis acollidos por distintas familias de Ribeira e fíxoselle entrega de material escolar a modo de agasallo.

Os rapaces chegaron o 17 de xullo e estarán en Galicia ata a primeira semana de setembro.
Os principais obxectivos do programa VEP son posibilitar que nenos/as de entre 8 e 12 anos non sufran as altas temperaturas que no verán se dan nos campamentos de refuxiados no deserto do Sáhara e garantir que se realicen revisións médicas e tratamentos cando é necesario, así como tamén contribuír a unha alimentación saudable e variada.
“Agardamos que a súa estancia permita que participen en actividades deportivas, culturais, de tempo libre; integrándose na vida das familias de acollida e as súas comunidades.” expresou Cruz Rivadulla. Pola súa parte, o alcalde destacou a importancia do programa á hora de achegarnos á cultura saharaui. “Agardamos que o Sáhara sexa libre e que pronto poidan disfrutar dunha vida plena no seu territorio”.