• O percorrido terá uns 6 quilómetros de lonxitude e pasará por Os Carrís, Felgosas, Fercoi, Cruz das Novas, Vilar, Castrillón e O Castro
• As inscricións poderán materializarse no Concello de Cerdido presencialmente, ou a través do número de teléfono 981 411 000 ata o 15 de setembro
• Será de balde para os socios da ANPA e os non socios terán que abonar 3 euros
Cerdido acollerá o vindeiro sábado, 23 de setembro, a primeira edición da Marcha Cicloturista Escolar, organizada polo Concello de Cerdido e a ANPA do CEIP A Barqueira, e que conta coa colaboración de O Rincón de Tania.
A carreira sairá ás 16 horas do CEIP A Barqueira, e chegará sobre as 17 horas á Área Recreativa O Castro. Terá 6 quilómetros de lonxitude e pasará polos lugares de Os Carrís, Felgosas, Fercoi, Cruz das Novas, Vilar, Castrillón e O Castro.
Para participar será obrigatorio o uso de casco e que haxa, como mínimo, un adulto por familia. Todas as persoas participantes terán acceso á piscina da área recreativa ao longo da tarde e terán unha merenda gratuíta.
As inscricións poderanse materializar no Concello de Cerdido, ben de xeito presencial, ou ben a través do número de teléfono 981 411 000, ata o 15 de setembro. Os socios da ANPA poderán anotarse de balde, mentres que os non socios terán que abonar 3 euros.
O alcalde, Alberto Rey, declarou que “a nosa intención, tanto a da ANPA como do noso equipo de Goberno, é que esta sexa a primeira de moitas marchas cicloturistas para os menos e nenas de Cerdido, xa que apostamos por fomentar a práctica deportiva e os hábitos de vida saudables na rapazada desde idades temperás”.
O rexedor anima “a todos os nenos e a todas as nenas a participar dese día e crear unha fantástica xornada sobre dúas rodas”.