Fátima Rodríguez Gonzálvez, voceira municipal do BNG, defendeu ante o pleno sendas iniciativas para esixir á Consellería de Educación a marcha atrás ante unha decisión inxusta que supón un novo recorte nos servizos públicos do rural. Ambas mocións foron aprobadas por unanimidade.
O pasado xoves, 10 de agosto, celebrouse en Ponteceso o primeiro pleno ordinario deste mandato e o BNG aproveitou para presentar dúas mocións para evitar a denegación de servizos educativos que foron votadas favorablemente pola totalidade da corporación.
As mocións esixen ás autoridades educativas que para o vindeiro curso se impartan e non queden pechadas a liña de FP Básica de Servizos Administrativos e a de Educación Secundaria para Adultos.
No caso da FP Básica de Servizos Administrativos, xa tiña alumnado matriculado cando se comunicou por parte da inspección educativa o peche da liña, aludindo a que non se cubría o cupo mínimo de matrículas, 6 no canto de 8 que esixe o regulamento.
Desde o BNG enténdese que estes cupos mínimos non teñe sentido que se apliquen con idéntica esixencia nos centros radicados nas cidades que no rural, toda vez que a propia Consellería de Educación viña aplicando ata o de agora criterios de flexibilidade ao respecto. En calquera caso, posteriormente ao peche desta especialidade, personáronse no centro máis persoas interesadas en cursar esta especialidade, polo que a día de hoxe o cupo mínimo estaría superado.
Cómpre explicar que a FP Básica é a alternativa educativa para o alumnado con dificultades que sufre o que se chama “fracaso escolar” na ESO, convirténdose na alternativa para que este/as cativo/as acaden o seu graduado en Secundaria co que poder optar a incorporarse no mercado laboral.
No caso da Educación Secundaria para Adultos acontece un problema similar, o cupo mínimo é de 15 matrículas, para este curso están preinscritas 10 persoas que poderían ser algunha máis cando abra o período de matriculación na primeira semana de setembro, pero parece que a inspección educativa non ten previsto tampouco neste caso aplicar flexibilidade ningunha por estar radicado o centro de ensino no rural.
Por todo o anterior entendemos que se trata dun recorte de servizos públicos no rural que alimenta unha outra vez o círculo pernicioso de deixar sen servizo por falta de poboación, o que supón seguir perdendo poboación, e que non estamos disposta/os a permitir.
E a este respecto adoptáronse por unanimidade do pleno do Concello de Ponteceso varios acordos:
● Elevar á Xunta de Galiza, á Consellería de Educación e á Inspección Educativa o presente acordo e esixir:
○ a marcha atrás na cancelación da liña de FP básica de Servizos Administrativos para o curso 23/24, toda vez que o número de solicitudes é suficiente aplicando o criterio de “flexibilidade” que debe aplicarse aos centro radicados no rural,
○ que se permita impartir a liña de ESA o vindeiro curso coas 10 matrículas previstas aplicando o criterio de “flexibilidade” que debe aplicarse aos centros radicados no rural,
○ que se dote ao IES Eduardo Pondal de Ponteceso dos recursos humanos e medios materiais precisos para poder impartir estes estudos que teñen asignados na súa carteira formativa.
● Trasladar á Valedora do Pobo este acordo para que interceda entre o centro de ensino e as autoridades educativas a prol de amparar ás persoas afectadas por esta decisión da inspección educativa e que pon en risco o seu aproveitamento académico, o seu futuro laboral e a súa integración na sociedade.
● Pedir o compromiso dos grupos políticos municipais con representación na cámara autonómica, que den traslado deste acordo aos seus respectivos grupos parlamentares para a súa defensa no Parlamento Galego.
A este respecto desde o BNG interesámonos na mañá de hoxe por saber como vai o curso dos traballos previos á presentación dos acordos nos devantitos organismos. Ao parecer sexa o venres, posíbelmente cando se faga chegar ás distintas autoridades o acordo do pleno, xa que é preciso ter rematada a acta da sesión e recollidas as sinaturas electrónicas correspondentes antes de facer o envío ás autoridades educativas e á Valedora do Pobo.