As alcaldesas de Santiago, Goretti Sanmartín, e de Teo, Lucía Calvo, acompañadas pola concelleira e concelleiro de Mobilidade dos respectivos concellos, Teresa Castro e Xan Duro, mantiveron esta semana unha xuntanza para explorar vías conxuntas de colaboración en materia de transporte.
Un dos principais puntos do encontro foi a posibilidade de ampliar a actual liña de autobús urbano entre Santiago e Os Tilos, estendéndoa ata a rotonda do Gadis, na localidade de Cacheiras. Segundo explicou a rexedora teense, Lucía Calvo, a ampliación desta ruta permitiría conectar coa capital galega preto de 9.000 persoas que viven nas parroquias dos Tilos e de Cacheiras que se desprazan principalmente por motivos laborais ou de formación académica. Esta proposta, en palabras de Lucía Calvo, “pretende conectar o máximo de usuarios posible e aliviar o tráfico rodado cara a Santiago, o que tamén presenta vantaxes con respecto ao medio ambiente”.
Pola súa banda, a alcaldesa de Santiago asegurou que a posibilidade da ampliación desta ruta será estudada polos servizos municipais para garantir a súa viabilidade. Unha vez realizado este estudo, Goretti Sanmartín explicou que “volveremos mirala de maneira conxunta nunha segunda xuntanza e despois reunir a comisión de seguimento do convenio”. Lembrou que o convenio subscrito polos dous concellos e a Xunta de Galicia a respecto da actual liña de transporte urbano que chega ata Os Tilos remata en outubro de 2024 e que polo tanto “parece bastante lóxico que unha vez que se chega xa cara a súa parte final se estude se en algo se pode mellorar”.
Goretti Sanmartín tamén coincidiu coa alcaldesa de Teo en que, ademais de dar servizo a máis persoas usuarias, a posibilidade de ampliar esta liña “promove a redución do coche a nivel individual e o fomento do transporte colectivo, polo que nos parece unha a medida pertinente, así que con toda a boa vontade imos ver o que dá de si este traballo que comezamos a partir de agora”.