Friday 22 de November de 2024

Burning, Familia Caamagno e Grande Amore encabezan o cartel das festas nos barrios do Castrillón e A Gaiteira, que terán lugar durante a vindeira semana


Entre o martes 15 e o venres 18, coa rúa da Gaiteira e as prazas da Cubela e Pablo Iglesias como núcleos das actividades, haberá concertos, sesións vermú, obradoiros e espectáculos para o público infantil e familiar

O Concello da Coruña, a través da súa área de Fomento e Promoción da Cidade, dá continuidade a vindeira semana ao programa municipal de Festas nos Barrios, que chegará entre o martes 15 e o venres 18 ás rúas da Gaiteira e do Castrillón. Como xa é habitual, todas as actividades serán abertas á cidadanía, con asistencia de balde.

A programación de festexos dará comezo na Gaiteira o martes 15, xa pola mañá. Desde as 11.00 horas, Ferriña Furtiva protagoniza unha alborada polas rúas do barrio, que irá seguida, xa ás 12.30 horas polo espectáculo de maxia ‘Don Gelati’, a cargo de Dani García e coa praza da Cubela como punto de encontro. Posteriormente, ás 13.30 horas, haberá unha sesión vermú na rúa de Gaiteira, con Tanto Nos Ten.

O mércores 16, segunda xornada de festas en Oza-Gaiteira, abrirase ás 12.00 na praza da Cubela, cun espectáculo musical de Paco Nogueiras, ideado para o público infantil e familiar. Ás 13.30 horas, Cuarta Xusta amenizará a sesión vermú na rúa da Gaiteira. Pola tarde, desde as 18.00 horas e tamén na rúa da Gaiteira, Xabi Larrea protagoniza o espectáculo ‘Up!’, abrindo camiño á programación do festival de artes escénicas Cascarillarte: desde as 19.30 horas, na praza da Cubela, Nauta Teatro ofrecerá o espectáculo ‘Nino & Mambrú’. O peche das festas correrá a cargo de Familia Caamagno e Grande Amore, que ofrecerán cadanseu concertos, coa presentación de Isabel Risco.

O concerto de Burning, na praza Pablo Iglesias

As Festas nos Barrios chegarán ao Castrillón o mércores 16, coa praza Pablo Iglesias como núcleo principal das actividades, que se prolongarán durante tres días.

O mércores, ás 20.30 horas, actuará a Asociación Cultural Xacarandaina, na previa da lectura do pregón, que levará a cabo o concelleiro da área de Fomento e Promoción da Cidade, Gonzalo Castro, ás 21.30 horas. A xornada pecharase co concerto de La Banda del Camión, ás 22.00 horas.

Xa o xoves 17, haberá unha festa infantil con inchables desde as 10.30 horas; un intercambio de libros infantís, xuvenís e tamén para adultos, ás 11.30 horas; a Festa da Escuma, ás 13.00 horas; e, xa pola tarde, será a quenda da XIV edición do tradicional Concurso de Tortillas. Será a antesala do concerto de Burning, que actuará ás 22.00 horas.

O venres 18, xornada de peche das festas no barrio, comezará cun obradoiro de marcapáxinas, ás 11.00 horas, seguido por un segundo intercambio de libros infantís, xuvenís e tamén para adultos, ás 11.30 horas. Xa ás 12.00, e no contexto da programación do festival de artes escénicas Cascarillarte, Xabi Larrea protagoniza o espectáculo ‘Up!’.

Pola tarde, desde as 18.00 horas, e coa colaboración dos profesionais do Museo Etnolúdico de Galicia, a cidadanía poderá participar en xogos e deportes tradicionais. Ás 20.00, haberá un obradoiro de swing e baile social a cargo de Loopy Hoppers Coruña, coa música de Los Vintafonistas. E xa ás 23.30 horas, pechará a programación a grande verbena da orquestra Trébol.

A programación promovida polo Concello lévase a cabo en colaboración coa Asociación Veciñal Oza-Gaiteira-Os Castros e a Asociación de Veciños Castrillón – Urbanización Soto.