A intervención, que comezou esta semana, está focalizada na confluencia coa rolda Camilo José Cela
O Concello da Coruña, a través do servizo municipal de Infraestruturas, iniciou esta semana os traballos para ampliar a rede de saneamento na rúa Sebastián Martínez Risco, mellorando así as infraestruturas na contorna dos barrios de Matogrande e Xuxán.
A intervención estase levando a cabo, máis concretamente, no treito final da rúa, na súa confluencia coa rolda Camilo José Cela e preto da sede do Instituto Nacional da Seguridade Social. Neste punto, e xa o pasado luns, os operarios comezaron cos traballos previos á instalación dos novos colectores de PVC e cun diámetro amplo, de 315 mm. Baixo estes parámetros, ademais de renovarse os materiais, apóstase por un diámetro exterior que reforce a seguridade fronte a posibles fugas.
A estimación do servizo municipal de Infraestruturas é que as obras rematen a finais de mes, previsiblemente nun prazo de dúas semanas.
Avances nas melloras na rúa Ramón María Aller, no barrio da Agra do Orzán
Ademais de en Sebastián Martínez Risco, o Concello continúa estes días cos traballos para a renovación da rede de saneamento na rúa Ramón María Aller, no barrio da Agra do Orzán. As obras comezaron a mediados de xullo.
A previsión do persoal de Concello é que, unha vez completada a substitución dos colectores, se proceda á renovación do firme no treito afectado polas obras, onde se disporá unha nova capa de formigón. Xa para finalizar a intervención, procederase á recolocación das tapas de rexistro asociadas á rede de sumidoiros.