Imaxina aos superaxentes Mortadelo e Filemón nunha misión ambientada no Concello de Fene. Baixo esta premisa, a concellería de Cultura e Ensino anuncia un certame de artes plásticas ao redor da exposición “Ibáñez, el Mago del Humor”. As persoas interesadas en participar deberán presentar unha composición plástica orixinal na que aparezan os populares personaxes de Ibáñez nunha paisaxe recoñecible do Concello de Fene (por exemplo, a Praza do Concello, a grúa pórtico de Astano, a praia de Almieiras, a Fervenza, a Praza Verde…..).
Segundo se establece nas bases, “poderá participar neste concurso calquera persoa (os/as menores de idade deberán achegar autorización asinada polo seu pai/nai ou titor/a legal) que visite a exposición “Francisco Ibáñez, el Mago del Humor”, que se amosa no Museo do Humor de Fene entre o 27 de novembro de 2015 e o 30 de xaneiro de 2016. A participación nos niveis de educación infantil e primaria poderá ser a título individual ou colectivo; isto é por curso, aula ou grupo de alumnos/as mentres que nos restantes niveis será a título individual, establecéndose as seguintes categorías:
a. Educación infantil
b. 1º/2º/3º de educación primaria
c. 4º/5º/6º de educación primaria.
d. ESO.
e. Bacharelato e Ciclos Formativos.
f. Adultos
Os traballos poderán presentarse en formato papel ou dixital en calquera destas modalides: debuxo, pintura, colaxe, montaxe fotográfica ou videográfica ou gif animado. Os traballos en formato papel/cartolina terán unhas dimesións mínimas de 21×29,7cm. (A-4) e máximas de 29,7×42 cm. (A-3). Pola súa banda, os traballos dixitais entregaranse en soporte CD, DVD ou pen-drive, en formato JPEG, GIF, PDF, PPT. avi, mp4 ou mov e terán un espazo máximo de 10 MB. De tratarse de imaxes fixas deberán poder imprimirse en formato mínimo A-4 e máximo A-3. Ademais, naqueles traballos a concurso que inclúan calquera texto ou audio estes terán que estar redactados/gravados en lingua galega.
En canto aos premios, establécese un único premio por categoría que consistirán en:
a. Educación Infantil. Vale por un importe de 50 € en libros e diploma.
b. 1º/2º/3º de educación primaria. Vale por un importe de 50 € en libros e diploma.
c. 4º/5º/6º de educación primaria. Reprodutor Ipod Shuffle e diploma
d. ESO. Lector de libro electrónico Kindle Paperwhite e diploma
e. Bacharelato e Ciclos Formativos. Tableta BQ AQUARIS M10 e diploma
f. Adultos Tableta BQ AQUARIS M10 e diploma
Segundo informa a concellería de Cultura e Ensino, o prazo de presentación dos traballos finalizará o vindeiro 1 de febreiro de 2016. As obras entregaranse, xunto co formulario de participación debidamente cuberto, no Museo do Humor, de luns a venres, en días laborables e en horario de 10:00 a 12:00 h ou no Departamento de Cultura (Avda. de Naturais 44, entresollado), tamén de luns a venres e en días laborables, en horario de 9:00 a 14:00 e os mércores 20 e 27 de xaneiro de 2016 en horario de 17:00 a 18:00 h.
O fallo do xurado –formado pola Concelleira de Cultura e Ensino, por un/ha profesor/a de educación infantil; un/ha profesor/a de primaria; un/ha profesor/a de ensino medio e a coordinadora do Museo do Humor- terá lugar na última quincena de febreiro de 2016 e darase a coñecer a través da páxina web fenecidadan.gal e dos diferentes medios de comunicación.