A segunda etapa da 60ª Regata Rías Baixas concluíu na tarde deste 11 de agosto coa chegada ao porto da Pobra do Caramiñal dos aproximadamente 50 veleiros participantes nesta convocatoria da travesía náutica. A concelleira do Turismo, Estefanía Ramos, desprazouse ata o Centro Sociocomunitario e de Benestar da localidade, onde tivo lugar un ágape para a tripulación e as persoas acompañantes por terra. Durante a recepción, trasladou o agradecemento da Administración local por elixir un ano máis este municipio como un dos seus portos sede, erixíndose como o de referencia na ría da Arousa. Tamén reafirmou o apoio a esta iniciativa que une o deporte da vela coa promoción turística e permite coñecer os pobos costeiros dende outro punto de vista, ademais de enxalza-lo patrimonio paisaxístico dos mesmos.
Xunto co seu homólogo dos Deportes, Eloy Sobrido, e o presidente do Real Club Náutico de Vigo, José Antonio Portela, fixeron entrega dun total de 5 premios ao primeiro barco clasificado de cada clase nesta segunda etapa que partiu de Combarro: ORC grupo 1-2 (Sailway), ORC grupo 3 (Maracana), ORC grupo 4-5 (Balea dous), Open 1 (Berlinguiño) e Open 2 (San Paio I). A edil tamén quixo facerlle entrega dun distintivo ao propio club náutico vigués e repartiuse material divulgativo sobre os recursos turísticos e culturais do municipio.
A 60ª Regata Rías Baixas componse dun total de cinco etapas: Vigo-Combarro, Combarro-A Pobra do Caramiñal, A Pobra do Caramiñal-Sanxenxo, Sanxenxo-Vigo e Vigo-Vigo. Deste xeito, no día 12 partirán da vila con dirección a Sanxenxo para completa-la terceira fase do circuíto marítimo.