Saturday 16 de November de 2024

O Flores Rock celebra unha festa de presentación do festival este domingo no Campo da Leña


Actuarán os grupos TO-XO, pechando a súa xira de presentación UAK, e A Sombra dos soños, un dos oito grupos finalistas na primeira batalla de bandas do festival Flores Rock

A partir das 16.30 horas con entrada de balde ata completar capacidade

O tradicional festival de rock do Barrio das Flores, Flores Rock, terá unha festa de presentación este domingo 13 de agosto con música en directo. O festival, organizado polo Concello da Coruña en colaboración coa Plataforma Veciñal do Barrio das Flores, contará este ano coa actuación de ‘Demenzia Sozial’, banda gañadora da primeira edición da batalla de bandas do Flores Rock celebrada o pasado mes de xullo na sala O Túnel co obxectivo de dar a coñecer artistas locais.

A festa de presentación contará coa actuación de dous grupos en directo. Os coruñeses TO-XO, enmarcados no xénero hardrock, pecharán a súa xira de presentación de UAK, o seu último traballo, logo de actuar en festivais coma o Rockin 2023 ou Retella Fest. Subiranse ao escenario xunto con‘A Sombra dos soños, banda capitaneada por José Carballido e de estilo metal e rock. Esta foi, ademais, unha das oito bandas finalistas que se desputaron o premio na sala O Túnel na batalla de bandas convocada pola Plataforma Veciñal e o Concello da Coruña.

O cartel do festival Flores Rock 2023, que se celebrará o 2 de septembro no Barrio das Flores, darase a coñecer na festa de presentación. A cita supón un novo impulso ao evento musical como un dos encontros de rock de referencia na Coruña e terá lugar este domingo no Campo da Leña, a partir das 16.30 horas con entrada libre ata completar capacidade.

A iniciativa forma parte da estratexia do Goberno de Inés Rey para dar apoio ás bandas e artistas locais da Coruña así como de continuar achegando a cultura a todos os barrios da cidade.