Sunday 24 de November de 2024

A Xunta da Mancomunidade Serra do Barbanza acorda por unanimidade ofrecerlle ao Concello de Ames a súa entrada como membro de pleno dereito


Ames disporá dun mes de prazo para decidir se acepta a proposta, un prazo que comezará a computar cando se lle entregue a documentación sobre o custo da súa integración

A Xunta da Mancomunidade de Concellos Serra do Barbanza, reunida, acordou por unanimidade ofrecerlle ao Concello de Ames a súa entrada como membro de pleno dereito da mancomunidade. Un ofrecemento que xa lle adiantara a presidenta da Mancomunidade, Teresa Villaverde, ao alcalde amiense, José Miñones, durante a reunión que ambos mantiveron en agosto deste mesmo ano e que lle volverán trasladar nunha próxima reunión na que estarán presentes todos os alcaldes integrantes de Serra do Barbanza.

O Concello de Ames incorporouse como cliente da Mancomunidade Serra do Barbanza o 1 de xaneiro de 2006 por un período de dez anos, prorrogables por outros 9 anos máis. O Concello disporá dun mes de prazo para decidir se acepta incorporarse como membro de pleno dereito, prorrogar o convenio ou abandonar a Mancomunidade.

Prazo de decisión

A presidenta da Mancomunidade, Teresa Villaverde, explica que “o prazo computará dende a entrega formal ao Concello de Ames da proxección de custos da súa integración como membro de pleno dereito”, unha información que aínda non lle foi achegada porque “non a ten ninguén. O mes empezará a contar dende a recepción da documentación. Mentres tanto seguiranse prestando todos os servizos con total normalidade”.

De feito, a Xunta da Mancomunidade Serra do Barbanza aprobou na súa reunión do martes os módulos de cálculo das cotas obrigatorias, complementarias e extraordinarias, de acordo coa poboación, número de vivendas e IBI dos distintos municipios que integran a entidade supramunicipal. Este acordo, tomado por unanimidade, é o que permitirá que agora si se poida responder ás peticións de información económicas trasladadas en agosto polo Concello de Ames, xa que o que se fixera antes tan só serían meras conxecturas.

Teresa Villaverde indica que “dende a Mancomunidade estamos na mesma posición que estivemos sempre e, se houbo algún malentendido, lamentámolo. Pero, tal e como lles trasladamos aos traballadores da planta, a vontade da Mancomunidade é que non marche ningún concello”. Deste xeito, o Concello de Ames poderá estudar e tomar a decisión que máis lle interese. No caso de optar pola integración como membro de pleno dereito, prorrogarase o convenio de prestación do servizo mentres se tramita o expediente de adhesión e a modificación dos Estatutos da Mancomunidade, o que supón a intervención da propia Mancomunidade e tamén dos Plenos Municipais de todos os Concellos que conforman a Mancomunidade Serra do Barbanza.

Orzamento e reunión cos traballadores

Por outra banda, a Xunta da Mancomunidade tamén aprobou por unanimidade o orzamento para 2016, que ascende a 4.262.862,71 euros. Ademais das mencionadas cotas, tamén se acordou unha liquidación de 67.819,10 euros en favor de FCC pola prestación de servizos de reparación de avarías dos camións de recollida, por alugueres de vehículos e por arranxos nos colectores do lixo.

Previamente á Xunta da Mancomunidade, a presidenta mantivo unha reunión cos representantes da planta de Servia. “Estaban inquietos polas noticias do que puidese pasar con Ames e xa lles expresamos que a nosa vontade é que non marche ninguén”, indicou Teresa Villaverde, quen aproveitou para “agradecerlles aos traballadores o seu esforzo, pois en moitas ocasións tiveron que dobrar servizos para superar os distintos problemas que houbo”.

Sobre as peticións de material, Villaverde lembroulles que “a Administración ten os seus prazos e hai que renovar todo o que hai que renovar”. Neste sentido, lembrou que a Mancomunidade xa fixo un esforzo económico na renovación dos colectores (case 120.000 euros na reposición de 686 colectores en todos os municipios durante este verán de 2015), que ten en previsión incorporar seis camións para a recollida do lixo e que en decembro entregarán dúas furgonetas para poder facer tarefas de reparación de contedores e de vehículos sobre o terreo.