O Concello de Santiago decretou a paralización das obras que se estaban a realizar no número 11 da rúa do Coto e que provocaron, sobre as 6:30 desta mañá, o desprendemento do muro medianeiro do edificio do lado.
Ata a zona desprazánronse esta mañá a alcaldesa, Goretti Sanmartín, e técnicos municipais de inspección e disciplina urbanística que xa emitiron o pertinente informe a respecto da situación tanto da obra como do edificio danado, que corresponde ao número 9 da mesma rúa. As primeiras medidas, que responden a criterios de seguridade, foron decretar a paralización das obras e o corte do tráfico no tramo da rúa que rodea a parcela afectada.
Neste mesmo informe, o Concello requírelle á empresa construtora que proceda con carácter inmediato á consolidación e recheo do noiro ata a altura da planta baixa do edificio do número 9 para garantir a estabilidade da edificación, unha consolidación que deberá realizarse en presenza da dirección facultativa da obra. Esta consolidación será validada por persoal municipal antes de autorizar que as persoas residentes no edificio danado poidan acceder de novo á súa vivenda. Convén sinalar que no momento do desprendemento, estaban no edificio as persoas residentes do primeiro andar, que foron trasladadas a outra vivenda familiar.
Alén doutras actuacións de consolidación en determinados puntos do soar, o informe tamén indica a necesidade de cortar o tráfico no tramo da rúa do Coto onde se atopa a parcela, mantendo o acceso no resto da rúa para vivendas e garaxes.