O concelleiro de Mocidade e Deportes, Ibán Santalla, acompañou onte aos menores saharauís que pasan o verán con familias de acollida de Narón ás instalacións do Club de Remo Narón. Dende o Concello naronés e o citado club local organizouse unha visita que incluíu un paseo pola ría, que desfrutaron os nenos e nenas que participan no programa “Vacacións en Paz”. Na convocatoria, ademáis das familias de acollida, estivo tamén Maite Martínez, representante na zona da asociación Solidariedade Galega co Pobo Saharauí (Sogaps).
As nenas e nenos chegaron sobre as 11.00 horas ao Club de Remo, na Gándara, onde os recibiron integrantes da entidade. Unha vez alí coñeceron as instalacións e tiveron a oportunidade de coller algunhas das embarcacións para dar un paseo pola ría, unha experiencia que, tal e como aseguraron, lles encantou. Tanto e así que algúns deles, ante o ofrecemento do Club de Remo Narón, comprometéronse a volver outro día antes de regresar de novo aos campamentos de refuxiados de Tinduf, en Alxeria, coas súas familias.
O edil de Mocidade e Deportes agradeceu unha vez máis o labor da asociación, coa que o Concello ten un convenio de colaboración, para manter este programa, e tamén destacou a implicación do Club de Remo Narón para que os menores puideran desfrutar dunha xornada de remo pola ría, ofrecéndolles a posibilidade de vivir unha experiencia novidosa para eles.
Os nenos e nenas saharauís regresarán de novo ao deserto alxerino a comezos do vindeiro mes de setembro.