— O Diario Oficial de Galicia publica o inicio dos trámites deste proceso que supón a protección inmediata da edificación proxectada polo arquitecto Andrés Fernández-Albalat no concello de Sada e ideada por Luís Seoane e Isaac Díaz Pardo
— No ámbito de protección inclúense tamén máis de 1500 pezas de artistas como Castelao, Laxeiro, Carlos Maside, Maruja Mallo ou dos propios fundadores
— A incoación fundaméntase no “valor cultural sobranceiro” destes elementos, no seu “destacable interese arquitectónico e artístico” e no seu papel para explicar “a historia da arte galega contemporánea”
— A proposta culmina o intenso e minucioso traballo feito polos técnicos da Consellería de Cultura e deberá completarse no prazo máximo de 24 meses
O Diario Oficial de Galicia publica hoxe a resolución de incoación para declarar como Ben de Interese Cultural (BIC) o Museo Galego de Arte Contemporánea Sargadelos-Carlos Maside, na categoría de monumento, e a súa colección de arte composta por máis de 1500 pezas.
Esta resolución supón a aplicación provisional do réxime de tutela previsto na Lei do Patrimonio Cultural de Galicia e, polo tanto, a protección inmediata tanto da edificación proxectada polo arquitecto Andrés Fernández-Albalat e ideada por Luís Seoane e Isaac Díaz Pardo como das pezas artísticas.
Tal e como se recolle na resolución, o expediente fundaméntase no “valor cultural sobranceiro” destes elementos, no seu “destacable interese arquitectónico e artístico” e no seu papel para explicar “a historia da arte galega contemporánea”. En concreto, no caso do edificio, á hora de incoar o expediente tívose en conta a singularidade e relevancia deste inmoble que comezou a proxectarse no ano 1974 como un fito da arquitectura contemporánea.
Neste senso, a documentación destaca que este espazo, que reflicte as achegas máis innovadoras procedentes da arquitectura moderna europea, conta cunha superficie de máis de 1.000 metros cadrados distribuídos en catro alturas no que destaca o auditorio deseñado por Isaac Díaz Pardo, a biblioteca ou as salas dedicadas a Luís Seoane, á vangarda galega ou aos artistas galegos contemporáneos.
Pola súa banda, no tocante á Colección Sargadelos-Carlos Maseo, sublíñase o seu valor sobranceiro tanto en termos históricos e artísticos como documentais, que queda xustificado polo seu papel na promoción e difusión da obra dun conxunto de artistas marcados polo exilio e a ditadura. Destácase, ademais, o feito de que esta iniciativa partise da propia confluencia da actividade económica industrial e do compromiso intelectual dos propios artistas, o que incrementa a súa dimensión e relevancia cultural e social.
Trátase dun total de 1517 pezas de autores como Castelao, os integrantes do grupo dos chamados Os Renovadores ou Os Novos como Carlos Maside, Arturo Souto, Manuel Colmeiro, Laxeiro, Eiroa ou os propios Isaac Díaz Pardo e Luís Seoane, do que se conta cun conxunto moi significativo de obras. Así mesmo, na colección tamén están presentes outros artistas que tiveron fondas inquedanzas pola modernización da plástica galega como Cándido Fernández Mazas, Francisco Miguel, Luís Hici, Álvaro Cebreiro, Ánxel Xoán ou Manuel Torres e outros como Eugenio Granell e Maruja Mallo, máis vencellados ao surrealismo.
Pezas destacadas
A variedade e riqueza artística fai posible que a colección conte cun conxunto importante de pezas entre as que destacan o Álbum Nós, composto por 49 estampas e un autorretrato feito por Castelo entre 1916 e 1918 ou as máscaras e bosquexos feitos para a obra teatral Os vellos non deben de namorarse, estreada en Bos Aires en 1914.
A resolución no Diario Oficial de Galicia culmina o intenso e minucioso traballo feito polos técnicos da Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades para garantir a protección e recoñecemento patrimonial dun dos símbolos de referencia para Galicia e súmase ao decreto aprobado pola Xunta de Galicia no ano 2014 para declarar BIC o conxunto da fábrica de Sargadelos en Cervo.
Así, a apertura do procedemento, que dispón agora dun prazo de 24 meses para ser completado, implicará tamén a súa anotación de forma preventiva no Rexistro de Bens de Interese Cultural de Galicia e que se lle comunique ao Rexistro Xeral de Bens de Interese Cultural da Administración Xeral do Estado.