Friday 22 de November de 2024

Somozas recibe unha subvención de máis 61.000 euros para mellorar o pavillón polideportivo municipal


• A intención do goberno local é a de acadar unhas instalacións modernas e actualizadas, que permitan facer deporte nas mellores condicións posibles.

• A axuda está financiada pola Vicepresidencia Segunda e Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes da Xunta de Galicia.

O Concello das Somozas vén de recibir unha subvención en réxime de concorrencia competitiva, por valor de 61.620 euros, para mellorar as infraestruturas e o equipamento técnico e deportivo do pavillón municipal.

A finalidade desta actuación, con cargo á Vicepresidencia Segunda e Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes da Xunta de Galicia, é de acadar unhas instalacións deportivas municipais modernas e actualizadas, que permitan facer deporte nas mellores condicións posibles e, deste xeito, facilitar o seu acceso tanto aos clubs como aos veciños e veciñas.

Segundo indica o rexedor, Juan Alonso, “a nosa intención será sempre a de mellorar as dependencias municipais, e solicitamos esta subvención para obter un pavillón polideportivo mellorado, no que as entidades deportivas locais e a veciñanza poidan practicar deporte coas maiores facilidades”.

O alcalde engadiu que “desde o noso equipo de goberno realizamos unha aposta decidida pola práctica deportiva e os hábitos de vida saudables, promocionando todo tipo de actividades que fomenten a realización do deporte desde idades temperás”.