Tras a activación, por parte de Augas de Galicia, da prealerta por escaseza de auga no río Anllóns, a brigada municipal de xardíns está a contribuír á redución do consumo de auga cunha minoración das frecuencias e cunha adaptación dos tempos de rega nas zonas verdes do concello.
A implantación desta medida estase a realizar de xeito progresivo e individualizado en función das características de cada espazo axardinado. Así, por exemplo, nas sendas ciclo-peonís desconectaranse temporalmente os sistemas de rega, e no resto dos espazos limitaranse a 2-3 días á semana, agás en puntos moi concretos nos que é preciso un aporte de auga diario. En función de evolución de cada una das zonas verdes, e tamén da seca, decidirase o mantemento, a redución ou a ampliación das frecuencias e dos tempos de rega.
Así mesmo, adoptáronse estas outras medidas:
• Revisión constante das incidencias na rega, especialmente fugas ou axus-tes no alcance dos aparellos de rega (aspersores, difusores…) de maneira que non regue fóra da zona axardinada.
• Nas zonas facilmente recuperables tras sufrir un grave estrés hídrico ou incluso tras chegar a secar completamente, redúcese ao máximo a rega ou péchase completamente. Nas zonas máis difíciles de recuperar redúcese tamén, aínda que intentando garantir a supervivencia das especies plantadas.
• Nas zonas que pola súa situación admiten reducir o límite estético durante un tempo, como poden ser as sendas de saída do centro da cidade, ou zonas moi pouco frecuentadas, péchase a rega completamente.
• As frecuencias modifícanse en todas as zonas, de maneira que en lugar de regar todos os dias faise dúas veces á semana aumentando lixeiramente o tempo de rega.
• Reducirase a frecuencia das segas coa intención de que o céspede reteña mellor a auga e o estrés hídrico por regar de forma máis esporádica sexa infe-rior.