— Actividades adaptadas para o desfrute do contacto coa natureza e o mar centran a proposta que ten lugar nas instalacións de Gandarío
— As Residencias de Tempo Libre de Panxón (Nigrán) e O Carballiño tamén acollen quendas específicas para persoas con discapacidade
A directora xeral de Persoas con Discapacidade, Begoña Abeijón, subliñou hoxe o carácter inclusivo da campaña de verán da Xunta de Galicia. Díxoo na visita que fixo esta mañá ao campamento que se está a desenvolver no albergue de Gandario, no que os seus participantes desfrutan do contacto coa natureza e o mar con actividades adaptadas ás súas necesidades.
Neste campamento conviven durante dez días 35 persoas de entre os 19 e os 50 anos, distribuídas por quendas de idade. Así, desde o pasado martes e ata o vindeiro día 18 participan en eventos na praia, como xogos na area ou caiac, e tamén se divirten con veladas nocturnas e noites de animación, entre outras propostas.
Ademais da vertente lúdica e de ocio destes campamentos, a directora xeral apuntou a importancia que teñen para fomentar autonomía, as habilidades sociais e os hábitos de vida saudables. Tamén sinalou que constitúen un recurso de conciliación para as familias.
250 prazas
A actual edición da campaña de verán ofrece 250 prazas para persoas con discapacidade —50 máis que na anterior edición— nun total de 14 quendas en tres emprazamentos diferentes: nas instalacións de Gandarío e nas Residencias de Tempo Libre de Panxón (Nigrán) e O Carballiño.
Ademais destas prazas específicas, as persoas con discapacidade tamén teñen á súa disposición as prazas en réxime xeral da campaña de verán, que este ano acadan a cifra histórica de 11.200.