Friday 22 de November de 2024

Últimos preparativos en Pedroso para desfrutar esta fin de semana de música, charlas viaxeiras e actividades no Gulliver Fest


O alcalde accidental de Narón, Manuel Ramos, e a concelleira de Festas, Mar Gómez, desprazáronse hoxe á área recreativa de Pedroso con motivo da celebración, esta fin de semana, da cuarta edición do festival da Cultura viaxeira Gulliver Fest, que arrincará mañá. Os representantes do goberno local estiveron con Ángel Sánchez e Martín Vázquez, representantes de FurgoGalicia, supervisando a montaxe do festival. Durante toda esta fin de semana máis de 250 furgonetas e caravanas acamparán na zona para desfrutar dunha programación de tres días na que non faltará a música, a literatura, o deporte e as tradicionais charlas viaxeiras, entre outras propostas pensadas para todo tipo de públicos. O Padroado da Cultura de Narón e a Asociación FurgoGalicia organizaron un ano máis esta convocatoria. As actividades deseñadas para toda a fin de semana e os concertos son de acceso libre.
A zona camper abrirá mañá ás 11.00 horas e a apertura oficial do festival terá lugar ás 16.00 horas, para dar comezo media hora máis tarde un obradoiro de Upcycking. A primeira charla viaxeira será tamén mañá, ás 18.00 horas, e cargo do mecánico especialista nómada Jorge, que falará sobre “Hachiko en ruta”, a súa experiencia de vida dende o ano 2020 nunha Sprinter James Cook transformada por el a 4×4 e xunto ao seu border collie. Ás 19.00 horas haberá un obradoiro de bushcraft e ás 22.30 comezará a música con DJ Imar.
A programación continuará na xornada do sábado dende primeira hora. Ás 9.00 terá lugar unha carreira de orientación, cun carácter popular. Ás 9.30 horas haberá unha sesión de ioga e ás 10.30 comezará a segunda charla viaxeira do programa, con Luis Simoes, autor do proxecto World Sketching Tour, iniciado no ano 2012 e que amosa o lado positivo do mundo a través da forma de debuxos e o fogar de aventuras en bicicleta polos cinco continentes de Luis e Anisa. Ás 11.15 horas haberá unha nova charla viaxeira, con Paula Belenda, que relatará a súa experiencia como mochilera por diferentes países. A apertura do mercado e a biblioteca dende as 12.00 horas, representacións teatrais, o concerto de SR X e dúas presentacións, unha Campecover e outra de Barvantia, completarán a programación matinal, que se retomará ás 16.30 con novas representacións teatrais e un obradoiro de chapas do Gulliver Fest. Pola tarde, ás 18.00 horas comezará unha nova charla viaxeira, con Africanlanders, Esteve e Laia que percorreron durante un ano África en 4×4 e transporte público e dende as 20.00 horas actuarán Bulbalkan, Arima Soul, La Duendeneta, e Alademoska.
O domingo 13 haberá ioga ás 9.30 horas, unha sesión de iniciación á marcha nórdica e a continuación un obradoiro de Luis Simoes, previo á charla viaxeira de Leandro Blanco, un nómada que falará de como vencer os medos para ser nómada. Xogos populares, música con Trópico de grelos, Xoubas, La Ganga Calé e La Duendeneta completarán a programación do último día do Gulliver Fest.